asede de Afundación acolle a mostra “A visión dunha obra”, na que máis de sesenta anos do quefacer de Jorge Castillo (Pontevedra, 1933), de 1952 a 2017, son rigurosamente analizados pola comisaria Pilar Corredoira que nos achega, na escolla feita, a ese universo fluínte, en continua transmutación que é unha das características da súa obra. Ahí, a realidade vivida i experimentada por él é pasada pola peneira das emocións, interiorizada en ensoños e transformada en beleza e amor.
Así, incluso cando se sinte a dor, o desenraizamento, o rostro da desdita, mesmo o pathos cruel, unha poesía salvífica nace nas melodías e armonías da cor, na volubilidade e lixereza das formas que piden novas configuracións e que teñen á súa disposición ceibes espazos propicios á metanoia. Nada está pechado nesta obra, nen sequera os fermosos retratos feitos a fillos, amigos e compañeiras; todo está como en expectativa, e apuntando a innúmeras posibilidades de ser; todo aparece enfeitado dun certo aire lendario e sucede como nos contos de fadas nos que o ben e mal van xuntos, mais sempre triunfa o ben.
Como todos os grandes creadores, Jorge Castillo fabula; non ten que ir lonxe, porque a súa foi unha vida de fábula e de peregrinaxe, dende que de neniño pasou “o charco” –coma novo Moisés– nunha cestiña, onde o agochou o seu pai para levalo a Buenos Aires, alí despertou –como dixo Laxeiro– “cargado de soños”. Dende entón a súa vida foi unha fecunda itinerancia, con lugares de paso, como os dos herois antigos, en Madrid, Barcelona, París, Berlín, Italia, Nueva York... que fecundaron o seu imaxinario e multiplicaron visións, memorias e lembranzas.
Estas adveñen aos seus cadros coa lóxica do recordado: fragmentarias, dislocadas e deixan testemuña de feitos, persoaxes e apariencias en vaivén, case cinematográficas as veces, que son metáforas do devir. Neste mundo en continua fluctuación, en constante cambio, as imaxes máis que estar, flotan, levitan, viaxan ou son como aparicións a punto de desdebuxarse, seres do aire que atrapa nun instante de luz coloreada, nun trazo de volátil escritura.
Pasan, así, acróbatas de circo, a desfeita dramática de Palomares, noites de Madrid con luces esperpénticas, rascaceos de Nueva York, alunados bodegóns con paxaros, mulleres deitadas con figura de montaña, mensaxeiros das sombras, “flaneurs” ou camiñantes da grisallenta néboa, fendidas páxinas cor sepia con aire de daguerrotipo, desexos que voan no ar coma o xenio da lámpada de Aladino, fálicas divinidades da natureza, polícromos xardíns e os seus froitos edénicos trasvasados a luminosos cuartos da mañán e apousados sobre levedantes mesas.
I están as flores e os mares, e as fragas, e as pedras, e os bosques e neves hiperbóreas, e as goyescas ameazas do “Terror de ser”... I están a súa nai, e Taggio, e Ruth, e Yola transformados no silencio acougador do cadro: luces e sombras do vivir feitas de resoancias e seduccións ,alma do tempo detido un intre antes de fuxir para a eternidade.