poucos días das eleccións galegas, malia que as enquisas realizadas son coincidentes respecto das principais tendencias da intención de voto, os posíbeis efectos da pandemia do covid-19 sobre o electorado fai que non se poda dar por pechados os resultados, mesmo aqueles que seica garanten ao PP a maioría. É así porque se prevé unha abstención dun 40%, a porcentaxe de indecisos é moi alto, e hai moitos interrogantes sobre o comportamento da poboación maior nos centros urbanos, que foron os que máis sufriron a pandemia, e onde o PP e PSOE teñen unha forte base.
En calquera caso, mesmo que Núñez Feijóo repetise na Presidencia, todo indica que a lexislatura será moi distinta ás anteriores. Primeiro, porque a crise, malia que se di que é fundamentalmente sanitaria, a práctica está a demostrar que terá importantes repercusións estruturais, tanto económicas como sobre os comportamento das persoas. Asemade, á pandemia sumase ao aumento da desigualdade, precariedade, fuxida da mocidade, desindustrialización e desfeita do rural, destrución ecolóxica, e medre da violencia e a especulación, por mor da globalización neoliberal. Pretender volver a antes da pandemia xa no é posíbel, e o forte axuste social e entre territorios que se vai producir necesita de gobernos con proxectos propios, creatividade e apoio social.
O segundo aspecto que non se pode obviar, respecto dos suxeitos políticos, é o forte ascenso do BNG. Isto isto vai fortalecer as reivindicacións e loitas populares. Mais tamén porque é a única forza con capacidade para converter un segmento importante, dese 22% de mozos e mozas que din van votar polo BNG, en activistas do cambio no movemento de masas. E este último aspecto é fundamental para empurrar polo cambio, máxime nesta conxuntura histórica, para que un país tan rico como o noso rache co carácter subalterno no ámbito político e cultural e na cadea de valor.
Non podemos seguir sendo unha fábrica de man de obra cualificada para a exportación, que unha parte da industria se funda, que as nosas empresas máis dinámicas terminen mercadas por corporacións foráneas, e que os sectores sobre os que se apoie a economía sexan a atención de persoas dependentes, e o turismo de masas. Dirase que hai outra Galiza, é verdade, porén o importante é que esta non sexa a excepción, que as nosas riquezas, en recursos e en persoas, permitan crear emprego abondo con salarios dignos, que se valore nosa cultura e lingua, nunha sociedade soberana, solidaria, igualitaria, e respectuosa dos ecosistemas.
Manuel Mera