Reabríronse as negociacións entre Bruxelas e Ancara para a incorporación de Turquía á Unión Europea. Dise que era parte do pacto que asinaran hai uns meses como compensación pola peneira dos refuxiados/as. Mais todo parece indicar que se acelerou como resposta á saída do Reino Unido da UE, para deixar claro diante dunha poboación cansa de axustes, que segue firme a alternativa da Unión.
Lembremos que o acordo en materia de visados foi freado en maio, xa que estaba condicionado á derrogación dunha lei antiterrorista que restrinxe dereitos básicos, mesmo de liberdade de información. Varios xornalistas foron detidos por denunciar a colaboración de Ancara coa Fronte Al Nusra e pola importación de petróleo das zonas controladas polo Daesh.
Para alén do carácter simbólico das negociacións con Erdogan, todo fai pensar que a marcha do Reino Unido non dará lugar a unha reformulación da Unión. Que a resposta será fortalecer a globalización neoliberal. Para o cal, non importa tanto a federalización, como propoñen partidos da “esquerda” sistémica, senón aumentar a man de obra de reserva para reducir salarios e as condicións laborais. Deste xeito medraría a taxa de beneficio empresarial, garantindo a competitividade nun mercado que necesitan universalizado por pura cobiza. Estes aspectos, asociados necesariamente ao militar, á redución de servizos públicos e dereitos democráticos, son os prioritarios neste intre, xa que o actual mercado único e unha lexislación feita á medida da encomia de escala, garante o resto.
A saída do Reino Unido reflicte as contradicións que existen na UE entre o empresariado globalizado e aquel máis ligado ao territorio.
Porén, o núcleo duro da Unión (Alemaña e Francia) considera que non existe unha correlación de forzas que poña en perigo a UE neoliberal. Esta apreciación é consecuencia da debilidade do movemento obreiro, do fortalecemento da vía institucional para conseguir cambios en detrimento da mobilización e organización, e de que unha boa parte da esquerda aposta pola UE e o capitalismo como base das reformas. En resumo, a Unión Europea non é reformábel. Daquela que a única opción sexa fuxir dela.