África

|

on te deitarás sen aprender unha cousa máis” é unha das moi coñecidas paremias que atopamos no noso refraneiro, desas que penso que case refliten a realidade tal cal é. Aínda que non son moi de ditos populares –como xa teño dito nalgunha ocasión nesta columna– ese adoito empregalo con certa frecuencia, en lóxico consecuencia con ese ditado, do que me confeso moi parcial, que di “aprender ata morrer”. Vén isto a conto de que acabo de regresar dunha curta viaxe de oito días nos que, de veras, cada noite me deitei tendo aprendido, non unha senón varias, cousas sobre  o comportamento humano, das que te acabas rindo por non botarte a chorar. A inmensa maioría xa sospeitaba que podían ser reais, mais non é o mesmo velas que imaxinalas. A realidade superaba a ficción.
Como nacín contra o final do ano que pechou a quinta década do pasado século, nun par de meses cumprirei sesenta e nove anos, bastante ben viaxados, por certo. En boa lóxica, tocoume experimentar peripecias de diverso tipo mais nunca, ata o de agora –algunha vez ten que ser a primeira–, a de ter que andar día e noite cunha pulseira de plástico co nome do hotel de aloxamento. 
Que incómodo ten que ser iso, pensei sempre que coincidín con alguén ataviado dese xeito. E abofé que non estaba equivocado, porque é un auténtico incordio. Xa que logo, queda aplicar o conto de “Una vez y nada más”, que disque dixo Santo Tomás.
Desta volta, dado que o destino non ofrecía maiores alicientes -algúns si hai, certo é- que o de descansar ao sol, que era o que me apetecía, optei pola opción do todo incluído, cando o habitual cando viaxo é que só leve reservado o cuarto, mesmo, agás nalgún caso, sen almorzo. Sempre gustei -tanto estando na casa como fóra dela- de andar ao meu ar o máximo posible, con escasa, ou inclusive nula, planificación. 
Por iso, algunha vez teño quedado sen comer, erro de cálculo e baleiro estomacal que subsanei antecipando e reforzando o seguinte xantar. Cómpre ter sempre a man o “A mal tempo, boa cara”, da expresión popular, ou o “Don’t Worry, Be Happy”, que machaconamente di o músico neoiorquino Bobby McFerrin naquela tan escoitada e premiada canción de hai trinta anos. 
Na Ilha de Sal, o meu destino, axiña tiven a certeza de que os “todo incluído” non son para min, mais lonxe de me preocupar procurei poñer o mellor dos sorrisos as veces que atopei contrariedades, unhas cantas. Con todo, o balance foi positivo. Xa contarei algunha cousa de Cabo Verde.

África