SUPREMACÍA CAPITALISTA

Non sendo en si un modelo político, isto é, unha ordenación territorial determinada con ánimo de gobernar, o capitalismo tende a ser confundido até chegar a ser o reitor da vida política dunha parte máis que substancial do mundo en que hoxe vivimos. Por exemplo, os estados todos que conforman a UE son capitalistas e pertencen ao mundo das democracias parlamentarias, o que vén a significar que os seus cidadáns elixen libremente cada certo tempo os seus representantes. No noso caso particular facémolo cada catro anos. O terceiro poder polo seu lado, o xudicial, e pese á presunción de independencia, é sometido a mudanzas á calor das propias mudanzas que no executivo e no lexislativo se poidan vir a experimentar. A saber: o Consello Xeral do Poder Xudicial, cuxa principal función é a de velar pola garantía da independencia dos xuíces e maxistrados fronte aos demais poderes do Estado, conta con vinte e un membros: vinte elixidos polo lexislativo, isto é, dez polo Congreso e dez polo Senado. O seu Presidente é, ademais, o Presidente do Tibunal Supremo. Polo que a resultas disto, é fácil discernir que nunca poida chegar a darse a independencia que se promulga, xa que os representantes nomeados, e malia que unha vez nomeados se presupoña a independencia das súas accións, non son independentes do poder político. 
No caso particular de España –tamén nalgúns outros estados da UE–, a tal independencia que debe prevalecer en todo estado de dereito deixa moito que desexar. Mais sempre haberá quen diga que non todo pode ser perfecto, e que vivimos no mellor dos mundos posíbeis, tal como dixera no seu día o ex-presidente Felipe González, hoxe conselleiro da compañía Gas Natural Fenosa. Ben curioso fenómeno este, por outro lado, non lles parece? E José Mª Aznar, asesor externo de Endesa até hai ben pouco? E Rodrigo Rato, director xerente do FMI, director de Bankia e agora conselleiro asesor para Latinoamérica e Europa de Telefónica? E Ana Palacio, conselleira de EDP España, e Ángel Acebes, conselleiro externo de Iberdrola, e Pedro Solbes, conselleiro de Enel, propietaria de Endesa, e Manuel Marín, presidente da Fundación Iberdrola, e un longuísimo etcétera? Onde está a independencia de que se presume? Ou acaso será que se trate de persoas de enorme valía, de aí obteren tales cargos? 
O capitalismo en si non é nin unha ideoloxía política nin un modelo político. Mesmo países pertencentes á órbita comunista, tal que a RP China, teñen abrazado vorazmente dito modelo económico; tanto é así que hoxe até chegamos a tremer se é que as bolsas deste país cambalean, como acaba de suceder hai moi pouco. Non esquezamos, a este propósito, que España sobrevive en parte grazas á compra extraordinaria de débeda pública por parte da China, pero non menos que Grecia, pois a China goza aquí de intereses na industria eléctrica, aeroportuaria e portuaria a grandísima escala. Mais as vendas en España de empresas estratéxicas de carácter público (Campsa, Endesa, Telefónica, Iberia...), non o obviemos, veñen xa de vello. Vendéronse ao mellor postor e non precisamente por seren deficitarias. Sen dúbida non é fortuíto que ex-presidentes e ex-ministros gocen hoxe das prebendas destas empresas xa privatizadas. 
Non obstante, e agora que a situación económica é pouco boiante, haberá quen siga a cargar as tintas contra todo o público. Mesmo contra dous piares básicos como a Sanidade e a Educación. A Educación, que entra na súa enésima reforma educativa desde que existe a Constitución, con fórmulas maxistrais e innovadoras por parte de cada goberno entrante, lanzada á arena pública para escarnio de tirios e troianos, e motivo sen fin de non poucos enfrontamentos. E a Sanidade, co sector privado con aínda maiores ansias por lle fincar o dente, fonte de non menores contorvesias. 
En suma, a idea de que o público funciona deficientemente e, por extensión, de que os funcionarios son pouco menos que seres parasitarios, fannos retrotraer ao Larra de “Vuelva usted mañana”, coa desidia e ineptitude duns personaxes que imposibilitan a resolución das propiedades que un francés posúe en Madrid. 
Aínda, tópica visión deformada na actualidade, e á que hoxe algúns continúan a acollerse, pero que nós trasladariamos á liña telefónica (sen oficinas físicas para facelo) en que unha serie de voces nos atende cando tentamos reclamar ou queixarnos e que, xeralmente, nos revelan a maior das ineficacias ou, no peor dos casos, a entrada nun fastoso bucle de seccións en que ninguén se acaba por facer cargo. 
Ora, que sería do político (municipal, autonómico, estatal) se non contase co funcionario técnico que o poida asesorar nas respectivas burocracias? Que acontecería se non existisen funcionarios (Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Prisións, Control Alfandegario, Facenda Pública) que fixesen o seu traballo? Que o Estado xa non fose tal Estado? Un Estado fallido talvez? O caos quizá? E nin queiramos pensar que puidesen chegar a ser privatizados. Ou si?
 

SUPREMACÍA CAPITALISTA

Te puede interesar