Unha fractura político-ideolóxica

Con idas e voltas e un acordo in extremis constituíuse a alianza entre forzas que pouco teñen que ver nos seus obxectivos, na súa praxe, e mesmo na súa valoración da realidade política e social de Galiza. Só hai entre elas dúas cousas en común: a oposición ao PP e a anguria que lles produce non conseguir un posto na futura lexislatura do Parlamento. Para facer comestíbel esta alianza, nas súas bases e na sociedade, dramatizan agora a situación política, cando a crise hai catro anos que encetou, deixando un regueiro de desemprego, familias empobrecidas e persoas obrigadas a emigrar.

Sen dúbida o gran gañador desta operación é Esquerda Unida xa que, sen rachar coa súa estrutura de ámbito estatal e só con reafirmar nas palabras a súa autonomía (bendicida desde Madrid), consegue que un anaco do nacionalismo galego, mesmo algúns que se autodefinen independentistas, terminen por aportar auga ao seu muíño ideolóxico. Este acordo dá folgos na conciencia dos galegos e galegas á idea que leva séculos predicando o centralismo español: para solucionar os problemas de Galiza fan falla organizacións a nivel do Estado. Négase así o carácter colonial do noso país. Ser consecuente con esta caracterización da sociedade debe levar á conclusión lóxica de que existe unha superexplotación da clase traballadora por mor da dependencia. Daquela a liberación nacional e social están intimamente unidas, son unha tarefa común desta etapa, no organizativo e sobre todo na praxe política e social. Dar prioridade a unha sobre outra é unha falsa saída.

Calquera sexa o resultado das eleccións de outubro xa está aberta unha fenda profunda no seo do nacionalismo, xa que as desavinzas que deron lugar á ruptura dunha minoría co BNG eran político-ideolóxicas. Esta alianza traerá engadidos compromisos prácticos e no discurso. Ademais, terá reflexo nas organizacións de masas do nacionalismo, para beneficio dos que fan de Galiza unha “rexión con particularidades culturais e lingüísticas” e desenvolven un sindicalismo que asume as bases do capitalismo. Estamos nunha conxuntura ¡todo é posíbel no futuro!

 

Unha fractura político-ideolóxica

Te puede interesar