O meu descoñecemento da macro economía, faime matinar en aspectos como a “falta de liquidez” nos bancos e non remato de saber se é a crise a que provoca esa falta de liquidez ou ao revés. Aínda nunha crise intencionadamente provocada polos que manexan o “tinglado” da economía global, o da falta de liquidez é algo que me desconcerta, porque iso quer dicir que non hai cartos. Entón, que pasa cos cartos?
Pódese crer nun país en crise polo moito que roubaron un fato de moinantes, que levaron os cartos a paraísos fiscais, mais, se iso se produce en todos os países, onde están todos os cartos? Pechados en caixas fortes? Que satisfacción lles pode producir a acumulación de millóns, se nin sequera teñen a posibilidade de contalos cada día, como os antigos usureiros?
Comentándoo cun amigo máis enteirado do tema, díxome que habería que mirar nos sotos do Vaticano. Home, non hai que ser tan mal pensado, díxenlle. O meu amigo despediuse cun enigmático sorriso.