DANDO AZOS Á FRAUDE, E ALGO MÁIS

O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, nunha rolda de prensa non foi quen de aclarar se o ex-tesoureiro do Partido Popular, Luís Bárcenas, se acolleu á amnistía fiscal para lavar uns 22 millóns de euros que tiña en Suíza en contas sen declarar. Aproveitou asemade a ocasión para dar os resultados definitivos da amnistía fiscal, que permitiu ingresar ao Estado 1.200 millóns de euros, un escaso 3% dos 40.000 millóns que saíron á luz. A amnistía foi aproveitada por 29.065 persoas e 618 empresas, que regularizaron 12.000 millóns, pagando o 10%, e outros 28.000 millóns de euros en negro cuxa sanción seica xa prescribira. Para Montoro a campaña foi un éxito, aínda que os obxectivos iniciais de ingreso, que se utilizaron como argumento para a amnistía, multiplicaban varias veces a cativa contía final.

O escándalo das contas de Bárcenas, e os sobres cos que seica se pagaban extras mensuais a cargos do Partido Popular, para alén do aspecto legal, deixan un pouso na conciencia colectiva da relación perversa que existe entre os partidos sistémicos e os grandes grupos económicos. As extras nos ingresos, para non ser declaradas, tiñan que saír de entregas en negro por obter algún tipo de contrapartida. Unha estreita relación entre grandes empresarios e altos cargos políticos que é cada vez máis habitual. Cómpre ademais ter en consideración que moitos ministros e cargos do Goberno veñen da actividade empresarial, e que unha morea dos que ocuparon importantes responsabilidades políticas despois aparecen como asesores empresariais con altísimas retribucións.

Que garantía pode existir de que estas empresas non sexan favorecidas con contratos públicos, información privilexiada e con decisións de goberno á medida, cando hai unha relación tan íntima entre poder político e os maiores grupos económicos e grandes fortunas...? Que garantías hai de que se trate en igualdade de condicións á clase traballadora, autónomos e pequenos empresarios, en relación a aqueles empresarios achegados ao Goberno...? Ademais, resulta evidente que a amnistía animará os defraudadores a seguir con esta práctica á espera da seguinte.

 

DANDO AZOS Á FRAUDE, E ALGO MÁIS

Te puede interesar