Que se esconde detrás de esa imaxe?

|

Hai xa bastantes días que apareceu nos medios de comunicación a lacerada figura de un neno de poucos anos coa cabeza cuberta por algo que semellaba  unha gorra moi negra. Pero se alguén se parou un pouco a contemplar esta imaxe tivo ocasión de descubrir que non era tal senón que se trata do propio pelo entumecido de neno que lle ribetea a cabeza coma se fose a coroa de un condenado a morte. Tiña todo o seu corpiño bañado en po, sucio e ensanguentado. Unha criatura que aínda non tivo a oportunidade de coñecer como é este mundo no que se encontra. Este retrato penoso que xa deu varias voltas ao mundo chamando a atención sobre o que está a pasar en Siria. 
Unha guerra que os responsables de iniciala aínda non teñen pensado parala polo que se  poder ver  a diario nos comentarios de prensa. Este neno chámase Omran e ten cinco anos. Salvouse por casualidade cando bombardearon o seu barrio da cidade de Alepo. Menos sorte tivo un irmán seu algo máis novo que quedou debaixo dos cascallos producidos polo bombardeo. Estas imaxes, ás que por moito que se repitan non é doado habituarse, retratan un pouco o que son as guerras no mundo actual que non respectan nada, nin a vida dos nenos. Porque as guerras son cousa de adultos e a morte das criaturas inocentes que perden a vida como consecuencia das mesmas, debería ser considerada delito de lesa humanidade. O choque sentimental que producen esas mortes non se pode borrar da memoria dos que se paran a pensar en serio no valor que ten a vida e de como debería estar socialmente protexida por un estatuto regulado polo dereito internacional. Pero así son as guerras e os pobos carecemos de medios para podelas parar. 
Os poderes infernais do mundo do poder, do dominio e da acumulación de capitais privados son os que andan detrás de todo isto. En ningunha parte do mundo existen gobernantes sensibles a estas necesidades sociais dos pobos. Algúns deles chegan a gobernar con proxectos teóricos de servir, pero ao pouco de ir acomodándose vanse deitando cos poderes que acabamos de citar anteriormente. Ten isto remedio? A humanidade guerreou durante os miles de anos que leva camiñando. 
Pero isto non é explicación suficiente para renunciar a poñerlle remedio. Antes non había leis e actualmente existen demasiadas. O mundo progresa, por que non é capaz de poñerlle remedio ás guerras? 

Que se esconde detrás de esa imaxe?