Atrasando a revolución

|

Somos moitos os que levamos anos atrasando a revolución segundo a segundo e, por riba, a sabendas, mais sen ser quen de actuar doutro xeito.

O martes pasado asistín na Coruña á presentación do libro Homenaxe a Santiago Álvarez (1913-2002) presentado polo coordinador da obra, Manuel Peña Rey Bouzas e polo epiloguista, Xesús Alonso Montero. Este último, aos seus recén cumpridos 91 anos, tan vital e lúcido coma sempre, narrou -entre outras anécdotas- como tempo atrás, ao deixar propina -gorjeta, que diría un portugués- a un camareiro, un camarada lle dixo: “Xesús, con ese acto acabas de retrasar un segundo la revolución”. 

Isto mesmo penso eu cada vez que actúo de xeito solidario, que non caritativo, con alguén que o demanda. Sei que contribúo a que empresarios e gobernos sigan explotando os traballadores e a que estes non se rebelen contra a situación de asoballamento. Porén, tanto actuar así, como non facelo, provócame unha desacougante liorta interna. As máis das veces, o sentido empático e solidario acábase impoñendo ao espírito revolucionario. 

Atrasando a revolución