UN POUCO DE ALEGRÍA

Hai que perforar na actualidade para encontrar algunha boa nova que anime a vivir ou, o que é máis importante, saír un domingo pola mañá a tomar un vaso de clarete para reunir ánimos e afrontar con éxito unha comida familiar antes de deitarse no sofá toda a tarde a ver películas ou partidos de fútbol. Xa nin os festivos son motivo de deleite para os cidadáns. Só pensar que hai que encher o depósito de carburante, apaga calquera aventura excursionista. Até o chamado día das Letras Galegas é máis triste que un Venres de Paixón de 1950, vendo a tanto orador lamentando a morte do defunto con ofrendas florais.

Os nosos gobernantes non están polo labor de darnos alegrías e os gregos parece que tampouco, nin con iogures nin con Metaxa. Os galaicos, seres afeitos á traxedia e á resignación vital, temos un punto de optimismo debido a que como por aquí as reformas e recortes comezaron antes, estaremos mellor cando se saia da crise económica. A gran pregunta é en que data e hora abandonaremos o pozo negro? Xa se fala de bienios ou quinquenios, así que seguiremos esperando a que pase o tempo ou haxa unha reforma temporal e retomemos a conta olímpica ou mundialista futboleira.

Agora que comezan as festas populares e as degustacións gastronómicas polos pobos, aldeas e cidades, até A Coruña amplía o san Xoán, hai que pon todo o raxo na grella para que algúns veciños non poidan gozar da vista dunha rapaza entronada como miss da verbena. Cando se chamaban raíñas das festas non había tanto problema, e iso que os mesmos que critican que haxa eleccións de misses participaron na selección da monarca festiva, sendo máis amantes das repúblicas. Un pouco de alegría para a vista non vén mal nestes tempos escuros.

Os departamentos responsables da animación cultural deban pórse xa a traballar para levantar o espírito do persoal, agora que comeza o bo tempo e resoan os foguetes as fins de semana. Nos próximos meses haberá Eurocopa, Olimpíadas, torneos de fútbol e volei na praia, touradas, concertos e un máis que longo cartel onde ter entretido ao persoal sen amargalo coa prima de risco ou as ameazas do FMI, BCE, BM, UE, CE, OMC, IPC, EPA, BFA, OCDE, G-7, G-20 ou os fallos do antigo R-5.

Cando chegue setembro e os días comecen a apagarse, xa virán as tristuras polo regreso ao colexio, a suba das taxas universitarias e da roupa de inverno, o prezo dos libros e calquera outro elemento de consumo diario. Que nos dean un pouco de alegría, aínda que sexan uns meses e teñamos que comer só sardiñas polas festas e verbenas, se a fin de contas os galaicos somos felices cunha pataca cocida cunha folla de loureiro no prato e se ademais vemos a unha raíña das festas bonita… que máis podemos pedir que non sexa o AVE.

UN POUCO DE ALEGRÍA

Te puede interesar