Éxitos a golpe de estatística

En máis dunha oportunidade teño analizado que hai que considerar pouco realistas as cifras de desemprego na Galiza cando se comparan coas do Estado español. Un exemplo témolo na última EPA en relación coa ocupación e o paro. Tratase de de ámbitos territoriais nos que as condicións de traballo son homologábeis, tanto en porcentaxe de temporalidade como de emprego a tempo parcial. 
Segundo a EPA o último ano rematou con 32.100 persoas ocupadas máis na Galiza, fronte a 525.100 no E.E. Ou sexa, o noso país creou o 6,11% do emprego total. Sería todo un éxito porque a poboación activa galega é o 5,45% do total do Estado. Un resultado que é un milagre, máxime cando no ano 2015 o crecemento do PIB de Galiza foi un 2,2%; moi inferior ao do Estado español que atinxiu o 3,2%. Xerouse máis emprego con menos porcentaxe en poboación e no medre da economía. Núñez Feijóo debería patentar o método. 
Aínda que os datos do aumento do PIB de 2015 non sexan definitivos, todas as fontes coinciden en que o noso país ficou por detrás da media estatal. Entón, como é posíbel que a xeración de emprego acade maior porcentaxe que a que corresponde por poboación e medre do PIB? Hai que entendelo como un milagre. Ou como unha demostración de que o sistema de enquisas ten erros, dando algúns éxitos artificiais, cando menos nos territorios cun gran espallamento de poboación, como é o caso de Galiza e Asturias. Claro que para conseguir que se corrixa, cómpre recoñecer previamente a diversidade, algo que sempre soou a estraño naqueles que fan da meseta a única identidade. 
Nas cifras sobre desemprego rexistrado do mes de decembro de 2015, existían no Estado español 4.093.000 parados/as. Para a mesma data, segundo a EPA eran 4.779.500. Ou sexa, a EPA recollía 686 mil desempregados/as máis. 
Algo lóxico, porque na enquisa aparecen aqueles que por diversas razóns non se anotan ou están a facer cursos. Mais, para Galiza, pola contra, os datos son de 228.000 e 222.700 respectivamente. É dicir que hai máis persoas rexistradas nas oficinas de emprego que na EPA. Resulta evidente que algo falla. Porén, ninguén se dá por aludido ou prefiren pechar os ollos.

Éxitos a golpe de estatística

Te puede interesar