XUSTIZA EN PLENA CRISE

|

A crise económica que deu orixe á resposta popular que derivou na revolución islandesa trouxo como consecuencia que se tomasen medidas inéditas até aquel momento no mundo capitalista, como as de xulgar aos banqueiros e políticos responsábeis da desfeita daquel país. E aínda que as circunstancias dun estado non son idénticas ás do outro, pódense ver semellanzas coa Islandia na etioloxía da crise do Estado español, mais ningunha polo de agora en canto á súa forma de resolución.

A situación económica, produto da xigantesca dívida da banca, que vivimos aquí e a do país insular foron desenvolvidas durante máis dunha década por mor das malas e desreguladas prácticas dos banqueiros en conivencia con cargos gobernamentais concretos, nos períodos nos que os sucesivos líderes do PP e do PSOE ocuparon a Moncloa. Todo foi produto da loucura neoliberal, da orxía económica de malgasto e de negocios de casino practicada, que apenas serviu para o inmenso lucro duns cantos, principalmente banqueiros, grandes construtores e políticos. Muita desa cuantiosa cantidade de diñeiro furtado á sociedade fica agora en contas bancarias, investimentos patrimoniais e paraísos fiscais.

Para iso foi necesario que a banca española pedise miles de millóns de euros en forma de empréstimo á alemá e á francesa, e manipulase os valores reais dos seus activos para incrementar ao seu antollo o crédito en beneficio de grandes promotores e empresarios amigos. Sería imprescindíbel realizarmos unha auditoría desa xigantesca dívida privada bancaria, que cunha práctica de violencia económica inmoral se lle quer facer pagar hoxe a toda a sociedade. E despois depurarmos as responsabilidades penais que houber, levando aos tribunais aos sospeitosos de ter cometido os abusos, os enganos e os delitos de tipo económico que a orixinaron e aos directivos dos organismos supervisores, como o Banco de España, por se actuaron con neglixencia. Os causantes da crise financeira deberían ter penas de cárcere e ser obrigados a devolver o capital obtido con esas malas artes, cunha indemnización polos danos producidos, expropiando, se é necesario, os seus patrimonios, aínda que xa estivesen en paraísos fiscais.

Desta maneira, procedendo políticamente e xudicialmente contra o crime económico, actuouse na Islandia, atendendo antes as necesidades dos cidadáns que os intereses dos mercados, Tamén se executou unha máis que sensata nacionalización da banca, para que non volvese a acontecer o mesmo no futuro, dar o crédito imprescindíbel ás empresas e producir beneficios que revertan en toda a sociedade. A xustiza debería estar á altura das circunstancias, intervindo perante este roubo que se lle quer facer á sociedade. Están en perigo os dereitos humanos dos cidadáns e a constitucionalidade dalgunhas medidas tomadas. Os parlamentos e os tribunais non deberían fallar esta vez, para que os cidadáns non se vexan obrigados a criar tribunais cidadáns propios nas prazas públicas das cidades, que polo menos realicen o labor de pescudar, denunciar e esclarecer perante a sociedade a cuantía da dívida e as actuacións de políticos e banqueiros. A cidadanía está reclamándoo.

XUSTIZA EN PLENA CRISE