Personaxes esquecidos da cidade ensimesmada

                                                                                 El olvido es la única venganza y el único perdón
                                                                                                          (Jorge Luis Borges)


Xunto con Óscar Wilde, o arxentino Jorge L. Borges posiblemente sexa o escritor máis cínico e polo tanto máis intelixente que coñezo. A súa coñecida frase sobre o esquecemento humano dáme pé para falar do pouco agradecemento que Ferrol (a chamada Cidade Ilustrada e que simplemente é a Cidade Ensimesmada) ten cara a moitas persoas que naceron fóra da urbe, aínda que desenvolveron en Ferrol un importante labor a prol da cidade. Algúns deles nin tan sequera teñen dedicada unha rúa na súa memoria.  
Falamos dunha cidade onde naceron persoeiros que quizais sexan moi importantes, aínda que non fixeran moito por Ferrol, como Pablo Iglesias, José Canalejas, Concepción Arenal e os irmáns Franco, pero onde tamén certo día de fai poucos anos un alcalde tivo a ocorrencia de nomear fillo adoptivo da urbe a un señor da prensa da Coruña que pasou unha mañanciña por aquí, mentres que algúns clubs ou entidades máis ou menos rechamentes da urbe se dedican a organizar xornadas, cursos ou congresos na honra de certos escribidores, poetas ou filósofos que semella que unha tardiña tomaron un cafeciño alí que fora a praza de España.
Hoxe, levando a contraria aos inefables popes e confrades oficiais da cultura ferrolá, quixera ter unha lembranza, coido que merecente, cara a unha serie de personaxes nacidos fóra de Ferrol, que traballaron, moitas veces de arreo, nunha cidade onde deixaron unha importante pegada. Foi o caso de coñecidos persoeiros da época da Ilustración: mariños como o alicantino Jorge Juan e o conquense Julián Sánchez Bort ou militares como o sevillano Dionisio Sánchez de Aguilera, responsables de importantes obras militares e civís do Ferrol do século XVIII. Por suposto, estes e os dous seguintes persoeiros, foron totalmente esquecidos na nesgada Exposición do Patrimonio Mundial que se pode ver na Exponav.
Menos coñecidos pero quizais tanto ou máis importantes e influentes na historia de Ferrol, foron o cántabro Francisco Cornejo e o asturiano Álvarez Caballero. Francisco Cornejo, o primeiro Comandante Xeral do Arsenal de Ferrol, foi o artífice da incorporación á Coroa das vilas de Ferrol e A Graña o ano 1733, deixando a vila ferrolá de pertencer ao pouco estimable señorío do Conde de Lemos. Álvarez Caballero foi sen dúbida o mellor Alcalde de Ferrol; no seu mandato (1783-1788) construíronse a Casa do Concello, o Hospital de Caridade, a Fonte de San Roque e o peirao de Curuxeiras, estableceu a San Xiao como patrón de Ferrol e foi o primeiro que solicitou o título de cidade para Ferrol, naquel intre a urbe máis poboada de Galicia.   
Noutro nivel cumpre citar artistas e pintores, como o asturiano Alonso Canto, o eumés Agustín Robles, o vigués  Ramón Buch e o coruñés Eduardo de la Vega, con varias das súas obras practicamente abandonadas no Centro Cultural Municipal. Do mesmo xeito hai que incluír nesta lista ao arquitecto vigués Rodolfo Ucha e ao músico madrileño Gregorio Baudot, que residiron a maior parte da súa vida en Ferrol, cidade á que estiveron estritamente vencellados. Outros personaxes vidos de fóra como foron o mariño tudense Leandro de Saralegui (fillo de padres ferroláns), o médico coruñés Santiago de la Iglesia e o enxeñeiro catalán Andrés Comerma, ademais do seu relevante labor profesional, tiveron un senlleiro papel no eido da cultura colaborando coas diferentes publicacións e asociacións da cidade.     
Esta lista poderíase facer interminable: desde o betanceiro Manuel Masdías, mestre de escola e poeta, ata o coruñés Manuel Barbeito, periodista e escritor, pasando polo tamén coruñés Wenceslao Fernández Flórez, que dirixiu Diario Ferrolano e publicou a novela “La procesión de los días”, ambientada na nosa cidade. No campo da cultura cumpre sinalar a dous médicos: o coruñés Xaime Quintanilla, que foi alcalde da cidade, e o mugardés Agustín Sixto Seco.
Deste xeito, a ver se dunha vez vanse decatando da existencia destes importantes persoeiros esa delirante tropa da cultura ferrolá, da que forman parte os pelexados inquilinos do Legado Carajal, os seareiros de Torrente, Casares e Gurméndez, os acólitos de San Rosendo e do mago Merlín, os asilvestrados membros do Sanedrín, os intrépidos periodistas da urbe, a desnortada editorial ferrolá EnBroma, as asociacións veciñais impulsoras de sardiñadas culturais, os pintores do Belelle e da Frouxeira, os escultores de rotondas, os arroutados amigos da lírica, da épica e das rondallas, e os poxadores de paraugas pintados, entre outros espécimes da curiosa fauna cultural de Ferrol, que ollando ao seu embigo esquecen a estes notables personaxes que son os que realmente fixeron Ferrol.
jjburgoa@hotmail.com

Personaxes esquecidos da cidade ensimesmada

Te puede interesar