Oaumento por parte de Washington dos aranceis, a máis produtos chinos, forma parte dunha estratexia que se alarga a máis países, e ten como obxectivo que a globalización neoliberal sexa funcional a hexemonía norteamericana. Trátase de redefinir as regras de xogo internacionais e o papel que na escala de valor xoga cada país.
Con este obxectivo utilizase a presión militar, a intervención, as sancións e aranceis, especialmente contra as potencias emerxentes e os estados que non son submisos aos intereses de Estados Unidos (EU).
A presión tamén se estende, en menor medida, aos estados aliados, cos que Trump quere reducir o déficit comercial, e que asuman os gastos das súas forzas militares no exterior. Así deixou patente Trump na última reunión da OTAN, na que, para alén das anécdotas e das diverxencias, ficou claro que de vagar vaise impoñendo a súa estratexia.
Analistas e corporacións transnacionais alertan sobre as consecuencias do aumento dos aranceis, e prognostican que isto pode conducir a un recuar do comercio internacional, e a unha caída do PIB e do emprego.
Bótanlle a culpa ao proteccionismo, cando en realidade as sancións e aranceis son selectivos, e ademais a EU non fai ningún aceno limitar a súa presenza militar e comercial no exterior, cando lle favorece. Non cuestiona a globalización, que é consubstancial co imperialismo.
Agora ben, sendo certo que as iniciativas de Trump son moi agresivas, e que isto poda causar un retroceso na economía mundial, non se pode obviar que sería unha etapa de transición, da que resultarían tres escenarios posíbeis: que os Estados Unidos se reforce como potencia dominante, que se consolide unha división do mundo en dous grandes bloques, ou que termine triunfando a alternativa multipolar. Xoga a prol deste último escenario, a importancia industrial de China, o poder militar de Rusia, e que hai novas potencias emerxentes, como India e Turquía, cun pé en cada lado do río, e que Alemaña e Francia teñen súas diferencias con Washington.
Asemade, a globalización neoliberal agudizou as diferenzas sociais, a precariedade laboral, e a desigualdade entre territorios, a emigración e a violencia, a niveis nunca vistos. Un contexto que alenta todo tipo de estoupidos populares.
En resumo: as contradicións do capitalismo son cada vez máis fondas, tanto no social como no democrático, e a prepotencia de Trump o que fai e deixalas máis en evidencia, aínda que escureza a suxeitos fundamentais. O futuro non está escrito, ficamos nunha conxuntura.