O meu profesor de ukelele, Luis Tinaquero, excelente músico que ata vai conseguir que logre tocar o pequeno instrumento cun mínimo de criterio e soltura, formou parte da desaparecida e para min magnífica banda de blues Miki Nervio & The Bluesmakers. Hai uns meses, nunha das habituais conversas previas á clase, pregunteille se sabía algo de Miki e díxome que xa había certo tempo que non lle cadraba velo. O meu era de máis tempo, había bastantes anos que non o vía. Aí quedou a cousa. Mais este pasado martes, ese día de tanto calor, estaba tomando un café nunha esplanada ao pé da ría, no Concello de Cambre, e reparei nun home que estaba timbrando nun portal que me parecía Miguel. Achegueime e, efectivamente, era el. Démonos tremendo abrazo, como corresponde cando dúas persoas que se coñecen de tempo estiveron sen verse durante unha longa tempada. Logo comentamos cantos anos faría que non nos viamos e tentabamos dilucidar cando puidera ser a última vez. Dándolle voltas chegamos á conclusión de que ben puidera ter sido na Aula de Natureza “Juan Lembeye”, no Xardín Botánico “Ría do Burgo” -ao carón de onde hoxe vivo- en xullo de 2004, cando a celebración da IV edición do Festival de Jazz de Culleredo, na que actuaran Miki Nervio & The Bluesmakers. O que os dous tiñamos claro é que nesa ocasión estivéramos alí conversando. Contoume que levaba un tempo afastado de toda actividade artística, tanto musical como poética, porque Miguel A. Montes foi poeta antes que cantante de blues. Compartía aula e actividades poéticas no grupo poético Ronseltz con Xoán C. Rodríguez, Manuel Cortés e Serxio Iglesias. O quinto compoñente do colectivo, Xabier Cordal, fora alumno, tamén de terceiro curso, o ano anterior. Nese tempo de estudantes do Colexio Universitario o colectivo poético publicou tres números do fanzine Ronseltz e uns anos máis tarde, cando o grupo xa se disolvera, Edicións Positivas publicoulles Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994), obra que se reeditou en 2014. Sempre me sentín próximo das inquietudes do colectivo e de todos os membros do grupo, cos que mantiven boa relación malia que, como neste caso de que estou a falar, poidan transcorrer anos sen velos É por iso que me alegrou moito atopar o Miguel e poder conversar un rato con el. Confiemos en non ter que agardar tanto tempo para repetir o encontro.