A morte acaba de nos levar a presenza física de Xosé Fernández Barcia. Mais non a dos recordos. Eses que todos temos, mesmo os nada nostálxicos, que é o meu caso. Coñecino no inicio dos anos oitenta, aqueles tempos, á vez esperazandos e confusos, en que se desenvolvían permanentes loitas por poñer fin ao oprobio da ditadura franquista. Quen nos ía dicir que catro décadas despois aínda non fosemos quen de telo feito de todo! Porque velaí seguen estando os fillos ideolóxicos dos vencedores da cruzada facendo das súas coa súa habitual soberbia. Barcia e mais eu miltábamos na UPG e formabamos parte da dirección comarcal da ING. Era o momento das negociacións coa CTG para constituír a INTG e, no transcurso daquelas longuísimas e tensas reunións, foise forxando unha excelente camaradería, unha amizade que se conservou no tempo. Os dous estivemos anos fóra da comarca e lembro a ledicia dos reencontros. Como tamén a delicia das conversas nos matinais cafés compartidos non hai moito en Mugardos.
Rematando estas liñas, chegoume a triste nova do falecemento da amiga e camarada Alexandra Serantes, fenomenal persoa da que sempre gardarei magnífico recordo. Porca miseria!