Dos novos poderes

|

Hai poucos días un amigo quedou moi abraiado cando entrou nun restaurante e ao pouco tempo recibíu no móbil un cuestionario sobre o nivel de satisfacción de dito local. Sorprende a vulnerabilidade da intimidade e da liberdade na que vivimos. Vivimos permanentemente baixo o ollo de centos e moi diversos Grandes Irmáns. 

Sabemos que cando falamos en grupo de diversas marcas ou promocións comerciais, a publicidade que recibimos no móbil instantes despois, está referida aos produtos citados. Vinculado a esta nova circunstancia, presentouse a obra “Ciberleviatán”, unha reflexión de J.M. Lasalle. 

Parte da base de que vivimos nunha constante ameaza á liberdade. E ao mesmo tempo consolida o nacemento dun novo poder, o poder dixital. A suma habilidosa de datos e algoritmos actúa sobre a sociedade e condiciona a súa toma de decisións. Perdemos coma conxunto aqueles elementos fundamentais que aseguraban a liberdade, é dicir, a autonomía de decisión, a liberdade de xuízo e o principio de personalidade. 

E sendo graves as ameazas, o peor é que a manipulación da pegada que deixamos sobre nós mesmos e que configura a nosa realidade, está producíndose sen regulación algunha. A revolución tecnolóxica aproveitouse da realidade e pasou a controlala, sen marco nin debate lexislativo ou público. 

Sen que houbera un espertar da conciencia cívica dunha sociedade que está quedando ao marxe, ou da que directamente se está a prescindir. Lasalle deixa unha luz acesa. Coñecemos a ameaza, agora é preciso crear un marco de regulamentación desta civilización das máquinas. Un novo Contrato Social. Sempre, máis cedo que tarde, o futuro acaba por invadir o presente.

Ás veces, recordarte ten letras de vidas excesivas –dixo El– acaso tamén dun silencio agraviado... unha luzada ampla de nostalxia ou unha historia real que habita nas terrazas baleiras deste verán, fendido de distancia...

Dos novos poderes