Se un olla devagar a nosa realidade concluirá que foron decisións políticas as que provocaron as vagas migratorias que sufrimos desde finais do s. XIX e as que sacrificaron os nosos sectores produtivos nas negociacións da entrada na UE.
E tamén o son aquelas que permiten que paguemos o mesmo prezo pola electricidade que aqueles aos que lla exportamos, que empresas que tiran plusvalías dos nosos recursos naturais paguen os impostos fóra, que os nosos salarios e pensións sexan os máis baixos do Estado e que a cultura e lingua propria non teñan o mesmo estatus que a declarada oficial... Parece, pois, á hora de procurar unha explicación, que a dialéctica “arriba/abaixo” ou a redución a decisión da “casta” do réxime do 78 devén insuficiente. Agás que consideremos “casta” ao Estado español e “arriba” a ese Estado e “abaixo” á Galiza. Se callar, as solucións virán da man da conquista democrática de espazos de soberanía para Galiza.