Estamos na voráxine da Eurocopa. Ante a paixón de tanto afeccionado ao fútbol queda en evidencia a violencia que moitos hooligans descerebrados exercen sobre unha maioría que o único que pretende é ver gañar ao seu equipo. Algo está a pasar e chegou sen que nos déramos conta.
Pero a realidade é que unha violencia cada vez maior xurde de ecada competición, ou de cada ocasión de confrontación que algúns entenden caldo de cultivo para crear bandos enfrontados. Non hai dereito a perder a oportunidade de deleitarse cun bo espectáculo. Non é de recibo que nenos e familias pasen medo. Debe facernos pensar o feito de que algúns exaltados en todo o mundo fomenten a competición, como se nos xogáramos algo máis que un trofeo. As imaxes de radicais mallando noutros, ou dos estadios e as rúas tomadas por policías,non son moi edificantes.
As ameazas de morte ás afeccións rivais; imaxes de navallas, machetes e outras armas difundidas polas redes sociais falan dunha macabra convicción. Cando desapareceu do noso vocabulario aquilo de “altius, citius, fortius” ? Tristemente, o proceso do Brexit tamén se cobrou a súa primeira vítima. Queda moito por investigar, pero sabemos que sempre haberá os que intenten impor o seu credo pola forza. Pero o proceso debe continuar. Opinar diferente sempre tivo un risco de incomprensión. Pero precisamente ese é o elemento que garante a pluralidade e fomenta as sociedades libres.