Desacougo

Cando se estaba consumando a derrota do Uruguai, ben evidenciada no lacrimal rostro do férreo central Jiménez, recibín unha mensaxe de WhatsApp do amigo Suso, un galego-uruguaio de grande cultura futbolística –e non só–, coa coñecida frase de Eduardo Galeano “Ganamos, perdimos; igual nos divertimos”, unha das moitas dignas de resaltar do seu El fútbol a sol y sombra (1995). Comprei este libro en Montevideo e lino con amante paixón, do Uruguai e do xogo da pelota. Tíñao nun estante da nutrida biblioteca ata que un bo día notei que desaparecera -quen sabe cando e como?-, como acontecera cuns cantos máis, dos estantes da miña biblioteca. É tan posible que o prestase e, algo común, nunca me fose devolto como que directa e distraidamente o levase algún amigo, máis que meu do alleo. O caso é que fiquei sen el e antonte decidín que teño que volvelo mercar, pois paga moito a pena achegarse a el de cando en cando. Ler Galeano sempre é unha delicia. Vivín a clasificación da selección de Uruguai para o mundial de Italia de 1990, que comezou a celebrarse, en agosto de 1989, non moitos días despois da miña chegada ao país para impartir un curso na Universidade da República. Vin os primeiros partidos só, pola televisión, xa que non coñecía ninguén no país e mesmo fun, sen maiores miramentos da seguridade, ao estadio Centenario, ver o partido contra Bolivia, que gañaron os da celeste. Impresionante. Era outra forma de ver e vivir o fútbol. Vendo aquilo enténdese de todo o que logo lle lin a Galeano: “Todos los uruguayos nacemos gritando gol y por eso hay tanto ruido en las maternidades, hay un estrépito tremendo”. O barullo do Centenario era...
Adestraba aquela selección, que tiña como figuras máximas Ruben Sosa e Enzo Francescoli, o “Maestro” Tábarez, o mesmo que hai dous días, após  a derrota contra Francia, lles dixo aos xogadores ao chegar ao vestiario: “la mirada bien alta; ningún reproche”, antes de declarar: “El rival nos superó y nos ganó bien, hay que felicitarle”. Auténtico cabaleiro.
Desde que aló estiven por vez primeira gusto moito do Uruguai: do país, da literatura, da música, da política, das rúas, das praias, das xentes... do fútbol. Sentín a derrota fronte a Francia, porque tiña a esperanza de que gañase o campionato. O xogo e os goles contra Portugal daban pé a iso. Mais non puido ser. Volvo a Tabárez e quedo con estas palabras súas: “Uruguay continuará con su cultura futbolística y compitiendo”.

Desacougo

Te puede interesar