Ofensas

E noticia destacada que un xuíz ditase auto de  procesamento contra o actor Willy Toledo por unhas declaracións que poderían ser “potencialmente ofensivas para la religión católica y sus practicantes”. Isto é, ter cometido un delito contra os sentimentos relixiosos. Sabido é que o proceso parte dunha denuncia presentada pola denominada Asociación Española de Abogados Cristianos”, presidida por Polonia Castellanos. Apañados estamos cos recortes, non só económicos, tamén de liberdade de expresión.
Non hai moito comentei nesta mesma columna un incidente, protagonizado por unha persoa en estado de embriaguez, que presenciei hai case cincuenta anos nunha taberna compostelá e que me quedou ben gravado. Chegou unha persoa coñecida do propietario en notorio estado de embriaguez. Pediu unha taza. Bebeuna e quixo recuncar, mais o taberneiro negoullo. O home, comezou a cagarse reiteradamente en dios, na virxe e en todos os santos. Mais só foi conducido á comisaría, por un par de policías secretos presentes, cando se lle ocorreu cagarse en Franco. Lembremos a confesionalidade católica daquel Estado. 
Máis recentemente, coñecín o caso dunha parella que estaba abrumada porque a filla, de dous ou tres anos, á mínima que non lle saían as cousas como quería botaba con total naturalidade uns “Cajo en Dios” que deixaban pasmados os presentes. E, por moitas reprimendas, non houbo nada que facer ata que o costume foi marchando como viñera. Eran os comportamentos que vía na casa aldeá dos avós e ninguén os amoestaba. Curiosamente, o avó era un fervoroso crente, tan pío que cando morreu, xa hai anos, lle fixeron un lote de misas, desas solemnes de tres curas e todo, tal e como deixara dito. Iso é o que hai.
En España contabilizan como católicos practicamente todo o mundo, pois é habitual apuntar nesa crenza, mediante o bautismo, os recén nacidos. O que non din é que despois se fai moi complicado saír. Retrata moi ben as situacións de asociación á forza a letra de “Socios a la fuerza”, canción do álbum No somos nada (1987) canción da banda vasca de punk rock La Polla Records, da que sempre fun seguidor. Din os de Salvatierra que “Cuando la gente se asocia / Se asocia con quien le peta / Pero en esta sociedad / Somos socios por la jeta”. E pola forza do costume, como non podía ser doutra maneira, “Muy pronto fui socio de la iglesia”. Logo virían a asociación á escola, á empresa, ao exército, mais sempre co paradoxo de que “Y en ninguno de estos casos / A nadie se le ocurrió // Pues soy el interesado, preguntarme mi opinión”. Os avogados cristiáns opinan que Willy Toledo ofendeu. Moita máis xente opinamos que non hai tal. Asociarte sen permiso, iso si que é ofensa. 
 

Ofensas

Te puede interesar