María Manuela e Martín Codax

e Martín Codax non é que se saiba moito por parte daqueles que estean un tanto afastados da trobadoresca medieval. Din que era de Vigo polas innumerables referencias que fai nas súas cantigas a esta cidade, pero si coñécense algunhas composicións súas sobre todo referidas  ás  cantigas de amigo. Os alleos a todo isto relacionarán a Martin Codax cuns saborosos viños brancos galegos máis que cun trobeiro galego do século XIII. 
Hai constituídos uns premios da música  galega que levan o seu nome e a miña querida amiga María Manuela concedéronlle o correspondente a súa traxectoria, galardón máis que merecido polas importantes achegas que aportou á música e a canción galega en particular camiñando polos sendeiros que elixiu, camiños que teñen que ver coa honestidade e na decencia no compromiso a prol da cultura e da lingua da súa terra mantendo nesta encomenda unha dignidade fora de toda dúbida nun pacto tácito coa súa conciencia. Pertence a unha estirpe de músicos que camiñaron sempre nesta dirección. 
Sentinme ledo ao coñecer a boa nova polo dito anteriormente e porque estes recoñecementos téñense que facer cando o receptor do mesmo déase conta de que ata que punto o seu traballo é valorado.
Vivín experiencias inesquecibles con María Manuela enriba dos escenarios e nos estudos de gravación sempre militando nesa bonhomía que a caracteriza, con esa sinceridade consubstancial ao seu xeito de ser e mergullada na seriedade coa que abordaba o seu traballo sen prescindir con iso do seu eterno sorriso pillabán incluso nos momentos máis complicados cando o desacougo intentaba influír no seu devir. 
Aí quedan as nosas Panxoliñas, un traballo discográfico case feito a cabalo de dúas gravacións individuais e cun tempo limitado roubándolle horas ao sono e cambiando moitos textos orixinais para converter aquelas pezas en algo contestatario que estivese máis próximo ao noso xeito de ver as cousas, e pasando moitas horas no estudo xunto ao inesquecible Miguel sempre atento e vixiante e a Xabier Iturralde creando uns belidos arranxos. Costar costou pero pasámolo moi ben facendo un traballo moi digno que lembramos os dous con agarimo.
María Manuela segue aí porque non perdeu o entusiasmo. Que este ”Martín Codax”, entregado baixo os condicionantes deste pesadelo da pandemia, sirva para infundirlle máis forza se cabe. 
Parabén querida amiga e xa seguiremos falando.

María Manuela e Martín Codax

Te puede interesar