Máquina electoral vs granito do país

|

O 25 de setembro as galegas e os galegos falaron. E falaron dicindo ben claro que querían de novo catro anos máis de governo do PP. Unha vez máis o PP arrasou electoralmente conseguindo corenta e un escanos na Galiza, demostrando que son unha auténtica máquina electoral nesta terra. 
Unha terra tremendamente endebedada desde que Núñez Feixoo colleu o temón da Xunta de Galiza, a pesar dos severos e inxustos recortes. Recortouse na sanidade, na educación, no emprego público, nos servizos sociais e así un longo etc, dicíndonos que era o único xeito de saír da crise e pagar as débedas. Máis, a pesar disto, Galiza endebedouse por catro nestes últimos oito anos. Decenas de miles de mozas e mozos tiveron que emigrar da Galiza, a pesar de ter a xeración mellor preparada da historia da nosa terra. E outras, non tan mozas, tamén tiveron que facer as maletas para poder comer. Tamén a desfeita provocada polo PP nos nosos sistemas produtivos, que se tardarán moitos anos en recuperar. A venda das nosas caixas despois de gastar miles de millóns de euros da xente deste país para sanealas, para acabar mal vendidas a prezos de ganga a inversores estranxeiros, están a ser un autentico handicap para o noso desenvolvemento. Por riba, se a isto lle sumamos un sistema fiscal totalmente inxusto coa nosa terra, fai que todo xunto sexa un auténtico lastre para o desenvolvemento da Galiza. 
Ademais de todo isto e moito máis, nestes oito anos tamén vivimos continuamente casos de corrupción por parte do PP, non soamente no resto do Estado senón, tamén aquí na Galiza. As famosas fotos do noso presidente con un dos maiores narcos do planeta, culpábel de que milleiros de familias cristiáns e non cristiáns estexan enloitadas chorando a morte das súas fillas e fillos ou que estes estexan tan tocados pola droga que xa non poidan cumprir ningunha función nesta sociedade, parecen non importar as xentes desta terra.
E que é o que lle preocupa ao povo galego?. Sería unha boa cousa que os psicólogos sociais da USC ou os sociólogos da UDC, fixeran un estudo científico de cal é a preocupación verdadeira do povo galego. Sen dúbida parece que a corrupción non é, igual que tampouco deben ser as drogas. Entón que é o que non nos deixa durmir ás galegas e ós galegos polas noites?. 
Se esta pregunta se resposta co tema da crise, o desemprego e o chegar a fin de mes entón o problema do noso povo, ademais da falta de conciencia de quen somos, é un problema educativo. E non quero dar a entender que sexamos todos catetos, senón que non coñecemos determinadas realidades 
Son os países onde a delincuencia está instalada no poder, os países que máis pobreza teñen e maiores taxas de desemprego. Porque a corrupción, o desemprego e a pobreza van da man igual que van da mans dereita, xerarquía eclesiástica e mafia. Canto mais grande é a corrupción política máis desigualdades hai nese país. Canto máis grande é a corrupción política máis grandes son os delitos medioambientais e así un longo etc. Mais, a pesar de todo isto, o PP volveu a arrasar. 
 Porén, neste 25 de setembro, houbo outro gañador. Un gañador que como dixo un dos seus candidatos nunha entrevista, demostrou que unha parte importante do povo galego está feita de granito do país. Granito do país que é o mellor do mundo pra construír e soportar todo tipo de fenómenos adversos. O BNG demostrou, a pesar de catro anos de aturar auténticos temporais e co ataque sistemático e continuo de determinados medios de comunicación, que hai unha parte do povo galego que non se rende para loitar por unha Galiza máis desenvolvida e xusta, malia o intento de borralos do mapa parlamentar, xa que da sociedade teñen semente para longo. Un intento que se veu claramente durante todo o proceso electoral, coas continuas enquisas nas que se dicía que o BNG ía a sacar de 0-2 deputados, mais, ao final, sacou seis e a piques estivo de igualar os resultados de hai catro anos conseguindo os sete. Xa vai sendo hora de que analicemos que función cumpren verdadeiramente as enquisas e se non son estas unha ferramenta do poder para condicionar e redirixir o voto do electorado.
Xa para rematar é indubidábel que este 25 de setembro houbo dous claros gañadores. O Partido popular, ao cal nada pasa lle factura, todo se lle perdoa e o Bloque, ao cal non lle queda outra que afinar a súa organización e poñerse a traballar máis duramente na sociedade, se cabe, co fin de conseguir unha Galiza máis desenvolvida, máis xusta e máis solidaria, onde as nosas mozas e mozos non teñan que emigrar se queren formar unha vida e onde todas as galegas e galegos poidan pagar o recibo da luz e chegar a fin de mes con dignidade. 
 “A corrupción está en todos lados, en todos os países, iso sabémolo. A diferenza é que se un mira o longo prazo descobre que a corrupción impide que un neno coma ou que un hospital teña insumos” (Facundo Manes, neurólogo e neurocientífico arxentino).

Máquina electoral vs granito do país