Oito séculos despois. Oitocentos anos após de tanta Gloria, pórtico incluído, se cadra o mellor do mundo (con permiso do da catedral de Ourense, que se chama do Paraíso), o artista portugués, mais xa tan noso que podemos inserilo na nosa nómina, Manuel Patinha, ven de chantar no claustro catedralicio compostelán unha estatua. Unha figura, polo que vexo na foto que me remiten, que simboliza dous aneis. Dúas formas que se vencellan nun planeta corporal apontando ao futuro.
De oito séculos máis, talvez. A escultura de Patinha (¿a que agarda o Concello de Narón para facer Fillo Adoptivo a un home tan integrado nel como a Faísca na que mora?) xorde, á parte de polo xenio do seu autor, porque Estrella Galicia ven de exercer ese papel de mecenazgo esencial agora que o Estado abdica de tantos dos seus papeis. Hoxe, Estrella, o outro día citaba eu Ámbito (de El Corte Inglés) como exercente dun labor dinamizador da cultura, e podería seguir con máis organismos que se decatan do papel social do diñeiro. Que non todo vai ser engrosar a falchoca (ou “butxaca”).
Por iso, non deixa de ser mágoa que o Estado renuncie masivamente a algo tan importante para o benestar, entendo eu, da colectividade. Sen estética non hai ética, xa se sabe. Esa estética, ou beleza, que prodiga o home de Povoa de Santa Iria, afincado no Vilar de Narón. Unha regalía para nós. E tamén para o claustro da catedral de Santiago. Tantísimos anos xa de vida.