Arxentina, entre atrancos e ilusións

toma de posesión do novo goberno arxentino ten unha importancia que transcende o país. Non se pode obviar que a oposición está aglutinada en boa medida arredor de Mauricio Macri, que ademais acadou un 41% dos votos na segunda volta, e que lle deixa a Alberto Fernández unha herdanza que é unha bomba de tempo, e que fica arrodeado de gobernos de dereita e submisos a Washington. Agora ben, tampouco se debe desprezar a compresión por parte do pobo das dificultades nas que queda a nación por mor das políticas neoliberais aplicadas por Macri e partidos que o apoiaron, e as revoltas populares que axitan América Latina por estes mesmos motivos.
Veremos se o Frente de Todos será quen de confrontar a falta de recursos do Estado para enfrontar a débeda externa, máxime tendo en conta que no primeiro semestre do vindeiro ano vecen pagos por 45 mil millóns de dólares. A débeda total é de 310 mil millóns, un 80% en moeda estranxeira, e  o 60% vencen nos vindeiros catro anos. Ou sexa, trátase dunha débeda impagábel, polo que as políticas económicas dependeran en boa medida das negociacións, especialmente cos fundos risco (voitres) e o FMI. Porén, o capitalismo especulativo sabe que os tempos non están para aforcar á economía da Arxentina, tendo en conta o panorama na rexión e no mundo. Aínda así, este tema seguirá latente durante todo o mandato, como un mecanismo de presión.
Polo que a capacidade de xestión de Fernández, e de medre da economía, vai depender en boa medida de anular unha parte considerábel da débeda (a que sexa ilexítima), e estirar os prazos de pago da restante e reducir os xuros. Son aspectos nos que semella non vai ter moitos aliados no continente, polo que deberá buscalos fóra, en China, Rusia e outras nacións en expansión. Terá a favor a non subordinación aos Estados Unidos e outras potencias do imperialismo depredador.
No interno, os primeiros pasos van dirixidos a buscar un acordo entre patronal e sindicatos, para fixar as condicións laborais nesta conxuntura, coa pretensión de que sexa unha das patas que permita reducir a inflación e estabilizar o troque do peso/dólar. Trátase dun pacto que ten seus perigos para a clase traballadora, porque pode rematar botando os custes da recuperación sobre o factor traballo en beneficio exclusivo dun aumento do lucro empresarial, coa escusa de manter e xerar emprego. As pensións, sanidade, ensino, equilibrio territorial, violencia son outros dos retos urxentes. Até onde chegará o atrevemento do peronismo e da esquerda nesta ocasión?

Arxentina, entre atrancos e ilusións

Te puede interesar