CARMINHO

Maria do Carmo Carvalho Rebelo de Andrade, máis coñecida como Carminho, é a última sensación do fado. Asunto de mulleres últimamente, Mafalda Arnauth, Katia Guerreiro, Raquel Tavares, Ana Sousa (hai moitas máis, eu só cito hoxe as que prefiro), á sombra da grandísima Amália Rodrigues mais procurando o seu posto no canto que mistura saudades con poderío, voces con silencio, amor pletórico con aquel que vai marchando camiño do alén. Carminho é o hipocorístico de Carmo. Aquí sería Carmiña.

Un dos nomes máis doces e fermosos que teña dado a nosa nomenclatura sentimental. Carminho, a cantante, filla de xente do fado, naceu en 1984, un piperete pois aínda, e leva anos nesta historia. O que pasa é que agora semella chegado o momento en que esta nao acade costas máis lonxanas. As de aquí, por exemplo, co disco “Carminho Fado” xa nas nosas tendas.

Nel hai fado clásico, cantado co xeito habitual, mais peneirado polo son prodixioso que Carminho é quen de arrincarlle a un tema como “ A voz”, de Diogo Clemente e Armando Machado. Un disco clásico, con violas de fado, guitarras portuguesas, baixos acústicos e contrabaixos. A broslar “Escrevi teu nome no vento” ou “Senhora de Nazaré”. Porque: “Às vezes há uma voz que se levanta/ Mais alta do que o Mundo e do que nós”.

 

CARMINHO

Te puede interesar