A República da cultura popular

A Segunda República española naceulle á dinastía do Borbón de súpeto, cal espulla gandaina nas sagras nádegas do sangue azul. E naceulle da vontade dun pobo ao que se lle tiña mesquiñado calquera gromo de cultura, aquel venturoso 14 de abril de 1931. Aqueles que chamaban afrancesados aos que louvaban a Napoleón como garante das nosas liberdades, afortalaban no trono, co impagabel apoio do altar, a un rei absolutista francés, que mantiña ao seu pobo na máis absoluta miseria material e espiritual. Porén éste, endexamais amosou rancor nin violencia. Así que Afonso XIII poido facer os estoxos sen cismar nos Romanov nin nos Robespierre.
Mais aquela República que tantas espranzas espertara só ía vivir un lustro. As dúas pragas hispánicas, perigosos endemismos, o trono e mailo altar (hai escribano e capelán en Cangas ao dicir de Curros) seguían a conspirar inoculando os virus en todo o tecido social, rede clientelar ancestral carosa de mudar axiña. Tiñan ao seu vento a febleza das esquerdas que sempre padeceron dun sistema inmune deficitario no que ten aos virus tradicionalistas. Unha esquerda unida nunha Frente Popular que non foi quen de solventar o mal chamado problema nacional, que non era outro que a actual intransixencia do unitarismo español para aceptar un sistema federal que permitise desenvolver ás nazóns históricas. Amais das grandes diferencias ideolóxicas que alonxaban aos partidos. O Frente Nacional non tiña esas disputas, porque as forzas reaccionarias sempre foron un en esquecer o ideario na cobiza do poder.
Ben transcorridas máis de oito décadas daquilo, pregúntome qué sería de nós coma pobo de estarmos aínda naquela República dos Traballadores. De non teren trunfados os Celidonios de O porco de pé, de non ter o mellor dun país no exilio, nas gavias ou no silenzo da longa noite de pedra. Só estou certa de que o informe Pisa non daría eses nefastos resultados nos nosos estudantes. Sobre todo en comprensión lectora. Penso naqueles homes do Seminario de Estudos Galegos, da Institución Libre de Ensino que levaron as Misións Pedagóxicas a todos os recunchos do país, dun xeito totalmente altruísta. As Misións Pedagóxicas son un fito histórico senlleiro na historia de España. Non houbo nada semellante na política cultural! Cossío foi o seu ideólogo na procura de cultivar a fraternidade cidade-campo. A Institución Libre de Ensinanza xunto a outras correntes pedagóxicas, viñan de revolucionar o campo educativo. Crebaran co concepto elitista de cultura aristocrática e urbana e camiñaban na liña dunha educación democratizadora, dunha relación horizontal entre educadores e educandos onde a creatividade e a liberdade de pensamento foran o eixo arredor do que medrar como pobo. Educación popular e laica que abría as mentes e procuraba a xustiza social. A cultura é unha cousa que abre os ollos e se non os abre, non é cultura, dicía o Pedro Petouto. Mais nin trono nin altar ían consentir a cultura popular pois que ese era o seu suicidio como caste de poder. E dende o primeiro momento adicáronse a conspirar. Ata decembro do 34 creáranse nada menos que 405 bibliotecas por toda a nosa Terra. Lorca pedía medio pan e un libro no canto dun pan enteiro, berrando  tamén contra a fame espiritual que non se sente no bandullo mais si nos miolos e no corazón. Chegaban estes novos misioneiros sen a biblia de Jorgito o inglés. Traían os clásicos da literatura, o cine, a música, o teatro... e un amor apaixoado pola lectura,e traíano ás aldeas onde a única escrita eran calendarios e catecismos. E non precisamento o catecismo do labrego! O decreto de xuño do 31 sinalaba a necesidade de  se crearen case que trinta mil escolas e dotalas de sete milleiros de mestres. Algún asesor de Wert amosaríalle esta silenciada historia educativa republicana? Alonso Ríos, ese home con nome de rúa, que dirían algúns xerifaltes actuais da cultura, pronunciou un discurso en galego falando da valía da lectura para o futuro dun país. Aínda Pisa non facía informes, seica.
Hoxe, nas mans o fracaso dos estudantes españois en comprensión lectora, sería ben lembrar aquela educación republicana e ollamonos nela coma nidio espello no que nos enfeitar.
Non é cuestión de pór faciana de parede budista. Non é cuestión de wertical esforzo, senón de todo o contrario, de espertar o pracer do espírito que anda a monte ata que alguén dá en cultivalo. Porque convencer sempre é máis caroso que vencer. E o golpe franquista baixo palio e espada, á beira dos feixismos en avalo, volveu o catecismo ao seu altar e os santos ao calendario. E volveron a arder as fogueiras inquisitoriais. Ergue a sombra desa mendiga de Os libros arden mal de Manuel Rivas, noutrora vendedora de xornais analfabeta que pregoaba as novas sen as saber ler. Estaban a queimar o que ela nunca tivo, o que sempre lle faltou. O medio pan e o libro de Lorca. Porque a mellor defensa da vida non son eses que se din pro vida,  a mellor defensa da vida contra a intolerancia e o fanatismo consiste en educar ao pobo arredado do fato, en comunal xuntanza da ágora.  
Animadores culturais eran os das Misións Pedagóxicas Republicanas e non os malpagos contratados para abaloufar globos e bater palmas nos aparcadoiros da neneza e da vellez!. Hoxe non escasean as bibliotecas senón o amor pola lectura, a deboura e a educación social! Porque, veredes, non é o mesmo consumo ca creación cultural. Non é o mesmo ver o fútbol ca xogalo. Como non é o mesmo cultivar un repolo ca papalo!

A República da cultura popular

Te puede interesar