Alucinando

UUna joven acepta un año de cárcel por apropiarse de 16 botellas licor”, podiamos ler, nun dos titulares das páxinas locais deste diario, hai poucos días. A noticia dicía que a moza saíra dun establecemento de Cedeira, coas garrafas de bebida, dándolle un empurrón a unha empregada. O delito foi considerado roubo con violencia.
Avanzando na lectura do xornal, nas páxinas de España, atopabámonos coa nova de que a señora Maite Zaldívar recibira a notificación de que debería ingresar na cadea no prazo de dez días. Convén lembrar que esta muller, exmuller do exalcalde de Marbella, foi condenada no seu día pola Audiencia de Málaga a tres años e tres meses de prisón e multa de 2,4 millones de euros por un delito continuado de blanqueo de diñeiro, sentenza que o Tribunal Supremo rebaixou a dos años e medio, por considerar que non se tratu dun delito continuado. Esta é a condena que sen maior dilación terá que cumprir. Sería o montante económico do delito polo que foi condenada superior a dúas veces e media que as 16 garrafas sustraídas en Cedeira pola rapaza citada? Se estas, un supoñer, fosen dunha xinebra de moi boa calidade –poderiamos citar algunha marca– terían un prezo total de ó redor de cincocentos euros. A señora Zaldívar é de supoñer que branquearía algo máis de mil douscentos cincuenta euros. Isto non deixa de ser unha brincadeira, para pór de manifesto que considero que a sentenza dun ano por levar unhas botellas me parece excesiva en comparación cos dous anos e medio por apropiarse de infinitamente máis, que me semella escaso. En calquera caso, nos delitos económicos, considero que a devolución do roubado, acompañado dunhas sancións económicas acordes á gravidade dos feitos así como de determinadas incapacitacións para desempeñar postos de responsabilidade onde hai diñeiro por medio, é máis efectivo que as privacións de liberdade prolongadas. Porque xa sabemos que a maior parte destas xentes se move con certa facilidade polas fendas que sempre ten a xustiza e o tempo de cadea pode quedar reducido a pouca cousa e dos cartiños non se volve saber nada.
Nesas mesmas anda a señora Isabel Pantoja, cunha condena de cárcere e de multa un tanto inferiores, que entendo tamén pequenas. Este caso, dada a popularidade de interfecta, ten máis eco mediático que o anterior, aínda que o mozo da señora Zaldívar andou, se cadra ata cobrando, pola televisión contando o mal que a “pobre” da señora se atopa. Paréceme a min que nunca peor que os que andan pasando de todo por culpa de tantos amigos e amigas do diñeiro alleo que se dedicaron tempo e tempo e de tódalas maneiras posibles a desvalixar as arcas do país todo.
Patético o da cantora que, sen vergoña de ningún tipo, se dedica a andar pedindo diñeiros aquí e acolá para facer fronte á multa que debe urxentemente abonar. Un podería explicarse comportamentos dese tipo –e aínda así!– se tivese sido vítima dunha traxedia calquera que a deixase na rúa e sen nada. Pero andar pedindo para afrontar unha sanción por participar no saqueo de capitais públicos é noxento se mire por onde se mire. Como noxento é ver e escoitar a xentes do común que asisten ós seus espectáculos e falan de aportar diñeiros a maiores como axuda ó pago da multa. Alucinante.
Máis alucinante aínda é o de Caja Madrid-Bankia, por iso hai que deixalo repousar para que o vómito non saia a cachón.

 

Alucinando

Te puede interesar