Unha vez que o ano 1982 firmou a Convención para a protección do Patrimonio Cultural e Natural da Humanidade, España ocupa o terceiro lugar dunha lista que encabezan Italia e China, sendo 44 os sitios e monumentos españois que posúen o galardón de Patrimonio Mundial. Ao longo do territorio nacional aparecen desde as Covas de Altamira e a Catedral de Burgos ata a Alhambra de Granada e as construcións modernistas de Gaudí.
Nesta ampla lista, a Comunidade de Galicia está representada polo Centro Antigo e Catedral de Santiago, a Torre de Hércules coruñesa, a Muralla romana de Lugo, e dúas mencións do Camiño de Santiago, o Camiño Francés desde o ano 1993 e o Camiño do Norte desde o ano 2015. No que atinxe a nosa cidade, non aparecen nesa lista nin Ferrol da Ilustración, para cuxa frustrada inclusión comezaron os trámites vai facer quince anos, nin o Camiño Inglés que, froito da desidia e a ignorancia, non se soubo xestionar nin desde a Deputación Provincial nin desde o propio Concello de Ferrol.
Seguindo con Galicia non aparecen nesta lista do Patrimonio Mundial os cruceiros e cruces de pedra galegos, nin tan sequera se inclúe como BIC (Ben de interese cultural) do Patrimonio Galego ningunha das nosas 12.000 cruces de pedra, algunhas dos séculos XIV e XV, moitas de contrastado interese artístico e todas elas senlleiras obras da arte popular, repartidas ao longo de toda Galicia, sinais de identidade de nosa Comunidade e referente das súas prazas, camiños e encrucilladas.
Fai poucas datas rematou en Ourense o VII Congreso de Cruceiros e Cruces de Pedra, continuación dos celebrados pola Asociación dos Amigos dos Cruceiros nos anos anteriores en Poio, Ponteareas, Santiago de Compostela, Lugo e Monforte de Lemos, onde tiven a oportunidade de presentar unha serie de relatorios sobre diferentes cruces de pedra do Territorio EFO (Eume, Ferrol e Ortegal), casos do ferrolán Cristo da Tahona, o Víacrucis do monte de Chamorro, os cruceiros do Camiño Inglés e do Camiño Vello de Teixido, as cruces de pedra do Camiño dos Arrieiros, e os cruceiros de pedra serpentina de Moeche, Cedeira e As Somozas.
No Congreso de Ourense, presentáronse por investigadores e especialistas unha serie de traballos variados sobre estas obras, tanto no que atinxe aos seus aspectos artísticos e históricos como aos seus valores etnográficos, costumistas e de relixiosidade popular. Pola miña parte tiven a ocasión de presentar os cruceiros do concello de As Pontes. Ao longo do traballo descríbense unha serie de trinta cruceiros e cruces altas de pedra que se levantan no termo, a maioría con figuración, e dez cruces baixas, camiñeiras ou de mala morte.
Ademais de denunciar no meu relatorio o desleixo que sofren moitos cruceiros galegos e da falla de atención pola parte da Administración (sexa municipal, provincial e autonómica) e da mesma Igrexa, que semella non entender que os cruceiros forman parte importante das devocións populares, expuxen unha vez máis aos asistentes ao Congreso a teimuda ignorancia dos sucesivos responsables de Cultura do Concello de Ferrol que levan anos descoñecendo o valor patrimonial dunha xoia medieval como é o Cristo da Tahona.
Entre os acordos tomados pola nosa Asociación de Amigos dos Cruceiros estivo o de elaborar unha relación dos exemplares máis sobranceiros entre os milleiros de cruceiros e cruces de pedra espalladas ao longo da Comunidade de Galecia, obras que soamente atopan protección polos seus veciños, os seus auténticos depositarios históricos.
De xeito específico acordouse pedir á Xunta de Galicia a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural) para unha serie de cen cruceiros, repartidos polas catro provincias galegas, como senlleira representación deses miles de cruceiros espallados por Galicia.