Declaración de intencións

Sempre resulta edificante escoitar a un mandatario cando declara as súas intencións respecto ao proxecto que ten para a cidade na que goberna. Todos os alcaldes dende a transición ata agora estiveron enchidos de boas intencións, uns máis que outros, dirán algúns, pero en xeral comezaron os seus mandatos convencidos de que poderían facer algo positivo para a súa cidade. Logo, claro, co paso do tempo fomos vendo que as boas intencións quedaron niso, en intencións  e comezaron a chover as críticas, as descalificacións e incluso os insultos por parte de certos sectores dunha cidadanía desencantada que viron no alcalde o chivo expiatorio de todas as frustracións independentemente da tendencia ideolóxica do personaxe. Xa sabemos que nunca chove a gusto de todos e que cada un de nós leva dentro un alcalde en potencia: abonda con escoitar o que se di nalgunha tertulia de café ou na barra dun bar mentres tomamos unhas cañas. A cantidade de solucións que xorden é expectacular namentres a figura do alcalde queda reducida á inutilidade personificada. Intúo que o traballo do alcalde non é nada doado, sospeito que os atrancos no desenvolvemento do seu cometido son moitos e case resulta misión imposible chegar a acordos cando prevalecen os intereses partidistas ás necesidades da cidadanía. Facer unha crítica constructiva resulta tarefa complicada diante do insulto e a descalificación per se.  Todo isto non significa que teñamos que facerlle ao alcalde a onda polo simple feito de selo, non, nada máis lonxe da realidade pero si sería apropiado ser máis coidadosos cando facemos xuízos de valor deixándonos levar polo noso desencanto moitas veces raiano no visceral máis que no cerebral. Manter unha actitude crítica diante do poder non só é aconsellable senón que debera ser unha obriga da cidadanía cando as cousas da gobernanza non van por onde deberan ir e a posíble reprobación tería que comezar polas propias militancias de base cuxa misión debe consistir en vixiar aos seus líderes para que non se saian do guión. Hai unha diferencia notable entre ser militante dun partido e ser “hooligan”. E vostedes se preguntarán a quen ven todo isto, pois xurdiu logo de escoitar ao alcalde da cidade expoñendo a súa declaración de intencións diante dos xornalistas nas “Conversas no Parador”do pasado martes. É necesario un marxe de confianza pois se comezamos coas descalificacións previas ao traballo, mal andamos. Deixemos traballar e despois...xa veremos. Si.

Declaración de intencións

Te puede interesar