Os que non temos coñecementos científicos, temos que admitir como boas as informacións que sobre calquera tema fan os estudosos. Mais ocorre que, ás veces, as opinións dos entendidos poden ser contraditorias. Eis o caso de Reganosa. Se algún dos coñecedores di, que o enfriamento da auga da ría producido polo funcionamento da planta é bo para o ecosistema, habería que crelo. E se din que esa baixada de temperatura é prexudicial para a flora e a fauna mariña, pois habería que crelo tamén. E xa que logo, estaríamos no caso dunha “dúbida razoable”. Mais se o entendido na cuestión di, que iso non afecta en absoluto, entón si que non é crible. E a dúbida razoable estará na credibilidade do entendido que así opine. E o tempo, as ameixas, as vieiras, as zamburiñas, os berberechos e o resto das criaturas que habitan a nosa ría, encargaranse de chamarlle mentireiro. Claro que iso non amaña a cuestión, e xa que logo, hai que insistir: “Planta de Gas, fora da ría”. Si ou si.