Cambiar ou desaparecer

Rematado en Roma o Sínodo da Familia que tivo os seus máis e os seus menos coa proposta de dar a comuñón aos divorciados voltos a casar, o papa Francisco retornou ao Vaticano. Precisaba un pequeno descanso despois de este esforzo que, se ben non conseguiu todos os resultados esperados para os divorciados, tampouco os da oposición lograron cerrarlle completamente a porta á acollida dos mesmos. Con todo, tal como está a Curia Vaticana na que Francisco se encontra case só, o proxecto papal quedou fortalecido, algo que certamente resulta positivo. Esperemos que esta apertura continúe avanzando sen que a letra revestida de dogma se impoña sobre os valores das persoas católicas ensinadas á obedecer máis que a pensar. 
Esta milenaria e vella Institución perdeu e segue a perder valor e importancia para as multitudes que en tempos pasados enchían os templos. Agora, esa asistencia e participación masiva de fieis estase acabando, polo menos por un período de tempo moi longo que pode significar un antes e un despois do Vaticano II. O papa é consciente de que esa apatía relixiosa que padece actualmente esta sociedade, cualificada aínda de católica, ten a súa orixe na propia Igrexa e concretamente, no comportamento social pouco exemplar do clero e das xerarquías. Tampouco os fieis formados pouco máis que na obediencia foron esixentes. E ante esta situación, Francisco quere iniciar e promover cambios.
El é consciente de que continuar como estamos sería o suicidio para unha Igrexa, sen dúbida abocada a ir desaparecendo se non se lle pon remedio. Acaba de dicir que os tempos cambian e os cristiáns deben cambiar o seu comportamento. Bergoglio sabe que lle queda pouco tempo e non se para en prestar atención ás críticas das preclaras mentes europeas que o tachan de acaudillar un cristianismo de esquerdas. Un periodista político, eurodeputado da Liga Norte, indignouse porque o papa aceptara a insignia coa fouce e o martelo que lle entregou Evo Morales. Dixo que resultaba insoportable ese xesto sabendo que o comunismo cometera máis crimes que o nacismo. Habería que responderlle que non máis que o capitalismo que mata ás caladas. As mortes do comunismo non se xustifican pero en todo caso eran por ir tras de un ideal; mentres que os do capitalismo, en cambio, morren afogados pola miseria e a inxustiza “para que otros vivan mejor”.

Cambiar ou desaparecer

Te puede interesar