Dos inmobilismos excesivos

|

Mariano non pode. Xa o deixara entrever na falsa chamada do president catalán: Teño a axenda moi libre. Non se lle coñecen máis intentos de pacto que a charla con Pedro Sánchez, onde dixo que non chegara a propoñerlle nada, porque non o veu disposto. É un inmobilismo excesivo. Non hai cambios de marco ou de modelo. Semella que agarda aquilo de Deus proverá.  
Da a sensación de que o PP só sabe manexarse con maiorías absolutas. Pero cando a situación require escoitar, acordar, ceder nas túas posicións e estreitar lazos de confianza, nin hai achegamentos, nin ese pequeno paso de posta en marcha para dar inicio a tan fundamental viaxe. Entramos nun tempo onde a política ten que ser diferente. Algo mudou. As grandes palabras e as grandes maiorías son historia. Asoman tempos de pactar ata as comas nas tramitacións das leis. E tamén de construír dende a diferenza para dar solucións novas a problemas novos.  
Os que non entenderon a mensaxe de cambio na análise e na disección das novas políticas quedarán relegados a lembrar o éxitos do pasado. Os que queden laiándose nunha esquina en lugar de intentar atopar novos depósitos de apoios para seguir avanzando están condenados a desaparecer, a morrer de éxito. Aprendemos que a sociedade  esixe un papel activo na construción do presente; e que o moito feito serve para escribir libros de historia. Pero a convivencia é cada hora de cada día e as épocas de crise precisan amplas respostas e moito compromiso social. Canto máis falan os baróns, mellor lle vai a  Pedro Sánchez.

Dos inmobilismos excesivos