TERRAS ARRAIANAS

Nos límites das vellas fronteiras administrativas, a miúdo artificiais, mais que determinaron moitas veces na historia as vidas de pobos e persoas, encóntranse poboacións dotadas con características antropolóxicas, lingüísticas e culturais especiais. A esas terras arraianas e, máis en concreto, ás que rodean á Galiza administrativa pola súa fronteira Sul, nos lindeiros entre a actual provincia de Ourense e a portuguesa de Trás-os-Montes, que recomendo vivamente visitar coa demora e toda a atención debidas, dedícolles este artigo.

Comezarei pola zona do antigo Couto Misto, unha especie de república independente do Estado español e do portugués que existiu durante séculos e que se gobernaba de xeito comunitario. Estaba situada nas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes as dúas primeiras ao concello de Calvos de Randín, e a última, ao de Baltar. Despois do Tratado de Lisboa de 1864 pasou a formar parte do Reino de España. No adro da igrexa de Santiago existe unha estatua de bronce en honor do último xuíz que rexeu este territorio, Modesto Delfín Bradón. E na sancristía pódese ver a arca das tres chaves, na que se depositaba a documentación do Couto Misto.

Seguindo a estrada que vai até a freguesía trasmontana de Tourém ía o antigo camiño franco. Por ele transitaban o sal portugués que os habitantes do Couto vendían en Ourense. Os mistos cultivaban tabaco e comerciaban libremente todo tipo de produtos nas terras próximas dos dous estados. Por ese roteiro desfrutarase coa contemplación das fermosas paisaxes do vale que forma o río Salas. E desde Tourém, localidade na que se refuxiaron moitos fuxidos galegos ao comezo da represión franquista, accédese á aldea de montaña de Pitões das Júnias, na que se conserva moi ben a vida tradicional.

Deslocándonos pola raia, também no concello portugués de Montalegre chégase á aldea de Cambedo, que xunto coas de Soutelinho da Raia e Lamadarcos, pertenceron a Ourense, mais en troca do Couto Misto pasaron polo mesmo tratado a ser de Portugal. En Cambedo enfrentouse o 19 de decembro de 1946 a guerrilla antifranquista que operaba no Norte de Portugal coa Guardia Civil e a GNR lusa.

Na outra ladeira de Pena Trevinca, nos límites orientais da provincia de Ourense coa de Zamora, está a zona das Portelas, na que por mor da división provincial con obxectivos centralistas de Javier de Burgos se meteron en 1833 os catro concellos de cultura galega de Lubián, Hermisende, As Pías e Porto, nos que a poboación fala un galego de cualidade. O alcalde de Lubián, gaiteiro por afeición, é un recoñecido defensor da cultura autóctona.

Viaxando máis ao Leste, xa no concello sanabrés de Pedralba da Pradería, está a parroquia de Calabor, cunha famosa fonte de auga mineral e un antigo balneario. Nesta localidade, aillada do territorio galegófono, consérvase de xeito milagroso a nosa lingua. E como final do percurso, a curiosa localidade mista de Rionor ou Rihonor, dependendo de quen a nomee, dividida por un regato entre dous concellos e os dous estados peninsulares, esquecida polos tratados internacionais supresores do hibridismo, na que uns viciños falan en portugués e outros o fan en castellano.

TERRAS ARRAIANAS

Te puede interesar