FERROL VELLO NUNHA PREOCUPANTE ENCRUCILLADA

Ferrol Vello constitúe un triste exemplo dos cascos históricos peor conservados de Galicia, coa circunstancia de selo único lugar da cidade aberto ao mar no peirao de Curuxeiras, mentres o resto da fachada marítima de Ferrol se atopa hoxe afectada por usos portuarios, industriais ou militares. O antigo barrio é o que queda da vila medieval que era Ferrol antes de que o século XVIII fora elixida sede do Departamento Marítimo do Norte, converténdose nun paradigma de cidade neoclásica e ilustrada.
A pesares do seu desolador aspecto actual, en Ferrol Vello erguíase o vello templo de San Xiao, preto do antigo Porto da Cruz, ademais do oratorio do Cristo da Boa Viaxe, o Hospital de Peregrinos, a Cárcere Vella, o Alfolí da sal, a Torre Antiga e o Pazo da Mercede, ademais da hoxe desleixada Praza Vella.
Anos atrás o barrio de Ferrol Vello non soamente era lugar de aloxamento dos mariñeiros e traballadores do porto, se non que albergaba diversos locais comerciais e industrias que a crise do último terzo do século XX se encargou de arruinar. Estamos a falar de industrias como a Pysbe ou a antiga fábrica de lapis Hispania, que non deixaron a máis pequena lembranza material da súa existencia para lembranza de futuras xeracións.
Neste intre o “muelle” (como o chamamos os ferroláns), o barrio das Festas da Parrocheira, do Cristo dos Navegantes, das lanchas da ría, o entrañable Ferrol Vello de rúas estreitiñas e de nomes evocadores (Castro, Cruz, Cárcere, Rastro, Mártires, Curro, Mercede, Cristo, Espírito Santo, Cunchas), precisa máis que nunca o apoio dos poderes públicos para a súa rehabilitación. O tempo e o descoido non perdoan e o vello barrio está a caer a cachos.
Mentres que hoxe a fachada marítima do Paseo da Mariña, cal fariseo sepulcro branqueado, amosa as súas fachendosas vinotecas e gastrobares de deseño, o interior do barrio atópase practicamente abandonado coas súas rúas cortadas, moitas das súas desleixadas vivendas valeiras e a maior parte dos que foron locais comerciais pechados.
No interior do barrio as penas algúns negocios marxinais que se estableceron nos últimos anos no lugar acenden pola noite as súas luces de neón. Durante moitos anos os veciños estiveron a loitar para conseguila declaración de Ben de Interese Cultural para Ferrol Vello. Os deuses castigan aos mortais concedéndolles os seus desexos.
Esta declaración, concedida fai tres anos, segundo os expertos fixo aínda máis dificultosa a conservación material dun barrio envellecido. Nestas datas anúnciase un Plan Especial de recuperación de Ferrol Vello que afectaría a máis de 300 edificios e solares do barrio; xa veremos no que podería quedar iso.
Desde época medieval Ferrol Vello foi o inicio dun histórico ramal do Camiño Inglés, que se está a poñer ultimamente en valor con bastantes erros e falla de rigor histórico. A última ocorrencia consiste en facer un “albergue” no edificio da Aduana. Se fixo algunha estatística acerca do número de peregrinos que pasan a noite en Ferrol? Se coñece a diferenza que hai entre un refuxio, un albergue, unha hospedaría e un hotel? Coñece o Concello que a Casa do Mar situada na estrada alta do Porto dispón de prazas de aloxamento? Mesmo non sería máis axeitado destinar a albergue as abandonadas instalacións do que foi a cafetería Yate?   
O destino merecente do edificio da Aduana ten que ser ese Centro Cívico, incluíndo a sede veciñal, que demanda e necesita o barrio de Ferrol Vello. Desexamos que a Asociación de Veciños do barrio consiga ese Centro Cívico polo que está a loitar e que saque á luz esa publicación que podería dar a coñecer a memoria histórica dun barrio, hoxe en franco perigo de desaparición.
Post Scriptum. Miña opinión sobre a distinguida revista de culto FerrolAnálisis e o selecto Club ferrolán de Prensa. Ferrol tamén existe. Coido que sería de interese que deixasen de miralo seu embigo e de tratalos asuntos máis peregrinos e marxinais do universo, para traballar nos temas e problemas da cidade cuxo nome levan e onde teñen a súa sede. Máis urbe e menos orbe; para “urbi et orbi” abonda coa Igrexa de Roma.
jjburgoa@hotmail.com

 

FERROL VELLO NUNHA PREOCUPANTE ENCRUCILLADA

Te puede interesar