Os empobrecidos de Europa

Quen teña curiosidade ou interese en coñecer a parte máis humana dos resultados logrados polo proxecto global da Unión Europea pode encontrar algo que a primeira vista o sorprenda. Varios países de Centro Europa viñeron representando dende hai algúns anos un paraíso de benestar social para aquelas persoas que tiveron a oportunidade e a capacidade de entrar nese edén. Pero, o que xa non parece tan comprensible é o permanente aumento da cantidade de empobrecidos que se constata dende hai uns anos. Nese paraíso caberíamos todos se o reparto do benestar se fixera con xustiza. Pero a maioría da clase política europea e, acentuadamente a española, obedecen ao imperio do neoliberalismo económico. Como botón de mostra está Grecia. Hai unha mafia que ven parindo empobrecidos na maioría dos países. Pola contra, se o reparto non  dependera do Banco Central Europeo, chegaría para todos. Os políticos sábeno ben. Pero, obran así, non porque descoñezan a realidade senón porque son conscientes de que o empobrecemento non é un problema económico senón político, e non están dispostos a coller o touro polos cornos porque iso esixiríalles un cambio de rumbo nas súas políticas, e a tanto non están dispostos. Os compromisos adquiridos coa banca e cos inversores  establece non alterar a letra dos seus acordos nos que os empobrecidos non aparecen. Así é que ningún goberno dedica un ministerio para buscala forma, que existe, de erradicar a pobreza; se  cadra presentan un departamentiño de política social, para facer calar  a aquela parte máis sensible de esta sociedade á que   lle doe a desatención aos necesitados. Esta Europa actual semella estar pasando de ser berce da ilustración a comadroa dos empobrecidos. ¿E que facemos os cidadáns? Deberíamos organizarnos; existen formas e exemplos de como conseguilo, e de como facer o imposible para devolverlles a dignidade aos empobrecidos por este sistema político no que mal vivimos. Manolis Glezos, un grego de 92 anos, eurodeputado de Syriza, conserva aínda, á súa avanzada idade, a enerxía coa que en 1941 subiu ao Partenón de Atenas e arrancou a bandeira plantada alí polos nazis. Actualmente está a loitar por recuperar a dignidade que perdeu o seu país pola irresponsabilidade dos políticos que o viñeron gobernando. Diferente postura mantén o noso don Mariano. El preséntase, presumindo sen xeito, como o salvador da España en ruínas que, asegura, deixaron os gobernos socialistas. D. Mariano, firme el ademán, ¡siempre con la Troika!

Os empobrecidos de Europa

Te puede interesar