As arrogancias e os preitos

Por se fóra pouca a desgracia que nos aflixe co raio do Coronavirus e ás súas consecuencias anunciadas a “bombo e platillo”, como unha apocalipse tan inevitable como inmediata!. Por se isto fóra pouco, digo, aí temos aos políticos, os pais da patria, eses “cráneos privilejiados”, (Luces de Bohemia 1920, expresión esperpéntica dirixida a Max Estrella na taberna de Picalagartos, plenamente aplicable á realidade política actual), empeñados nunha guerra polo poder, nun sácate ti para poñerme eu.

Nestes tempos que estamos a vivir, e nos que veñen, non hai outra solución que mirar cara adiante, as esquerdas e as dereitas, todos na mesma dirección se é que queremos saír ao paso do que está por vir. Esquecer as arrogancias, a soberbia e a mala educación pensando soamente no futuro do país, en 47 millóns de habitantes que, a este paso, a meirande parte, vaino a pasar moi mal. De feito xa o está pasando mal.

Non son un home político, xa o teño dito aquí, nin de esquerdas nin de dereitas. Nin de Sánchez nin de Casado e, moito menos de Vox. Non me gustou no seu día o xeito de acadar o poder do actual goberno, ese que deron en chamar  Frankestein. Sempre avoguei, e o sigo facendo, por unha coalición PP-PSOE, sen outras inxerencias, que anque semella unha misión imposible é a mellor solución para o país. En calquera caso, hoxe en día, ao meu xuízo, o señor Sánchez ten un discurso máis moderado e construtivo que a oposición que, diga o que diga o presidente do goberno, fan oídos xordos, guiados pola ambición de poder e pola súa intolerancia ao ver a esquerda gobernando o que consideran que é o seu país.

Non sei como vai rematar todo isto, pero si estou certo de que mentres uns e outros non esquezan as arrogancias e os preitos, iremos de mal en peor. A frase pertence asemade ao gran Valle-Inclán, Don Jose Maria, verbas moi axeitadas postas en boca do vello de Cures, un dos personaxes das Comedias Bárbaras, (Cara de Plata 1922, Xornada primeira, Escena primeira),: “Arrogancias, nunca ganaron pleitos”.  Unha sentencia, chea de cordura e de sentido común segue, un século despois, estando de actualidade, na política e mesmo na vida cotiá.

As arrogancias e os preitos

Te puede interesar