A fraude instálase en Honduras

Os acontecementos en Honduras amosan que se quere torcer a vontade electoral da poboación, mediante a modificación dos resultados da votación para presidente da República.
Esta manobra ten como beneficiarios directos a burguesía dependente e os Estados Unidos, a potencia que exerce un verdadeiro protectorado sobre este pequeno país centroamericano.
Este golpe contra a democracia repite o acontecido hai oito anos, o 28 de xuño de 2009, cando fora destituído o presidente Manuel Zelaya (Mel), utilizando as forzas armadas para expulsalo do país de noite e mediante a coacción.
Pola súa banda, o Parlamento escenificara unha falsa renuncia e nomeara rapidamente a Micheletti como novo presidente da República.
A finalidade desta acción era evitar a convocatoria dunha Asemblea Constituínte e a democratización do país. Impúxose o toque de queda, e a oposición ao golpe foi afogada, a costa de varios mortos, ducias de persoas feridas e unha morea de detidos.
Micheletti contaba co apoio dos empresarios e das forzas armadas, o que lle garantiu manterse no poder malia a oposición das clases populares e a condena dunha parte considerábel da comunidade internacional.
Nesta ocasión, ante a derrota do candidato oficial, todo reflicte que se optou por falsear os resultados da votación.
E ante as protestas masivas, elixiuse a represión utilizando tanto a policía como as forzas armadas.
Só así se entende que non se aceptase realizar novas eleccións con garantías, tal como esixiu a Alianza da Oposición que impugnou os comicios o mesmo 26 de novembro.
A principal emisora de radio non submisa foi sabotada, 18 persoas perderon a vida, 70 resultaron feridas e máis dun milleiro foron detidas.
Realizáronse máis de 120 manifestacións, e o paro xeral o pasado 15 de decembro foi un éxito.
Isto amosa que a protesta conta cun enorme respaldo social. A oposición, formada por unha fronte moi ampla, na que participan tamén os partidarios de Zelaya, fala de 200 mil votos roubados. O candidato oficial foi proclamado presidente.
Neste caso a OEA dilata as súas conclusións, e a ONU pide calma. Se fose en Venezuela ou Bolivia serían máis dilixentes.

A fraude instálase en Honduras

Te puede interesar