Van máis de vintecatro lustros andados desde que en París se deron pasos importantes para o establecemento dun sistema universal de pesos e medidas. Con todo, aínda hoxe ese sistema non é absolutamente universal. Ensináronme que o metro era a dezmillonésima parte do cuadrante do meridiano terrestre. Tamén que ese patrón se reproduciu nunha barra de platino iridiado. A definición –tamén universal– mudou e hoxe un metro é a distancia percorrida pola luz no baleiro nun intervalo de 1/299 792 458 de segundo. O ministro de Facenda, non obstante, debe seguir pensando que a mellor medida é a vara –diferente en cada sitio–, para aplicarlle, segundo conveña, a madrileña a uns, a luguesa a outros... Só así podemos entender que a Axencia Tributaria puxera en marcha a expropiación de locais de Izquierda Unida da comunidade de Madrid por débedas recentes e ridículas comparadas coas, poñamos por caso, multimillonarias e de anos dos clubs de fútbol, onde nunca pasa nada.