Manolo Isach

Diante de min, enmarcada e colgada na parede do meu sancta sanctorum, a orla do curso 1957/1962 da Escola Naval Militar. Setenta e catro superviventes a cinco anos de protos, estudos, gardas, arrestos, plantóns e embarques naqueles entón vetustos barcos da Armada Española. Eran tempos nos que a xuventude podía con todo. Unha das partes máis positivas é que ao longo destes duros anos fixemos amigos que xa foron para sempre.
Este é o caso de Manuel Isach Domenech, natural de Sagunto como el gustaba dicir sempre con moito orgullo. Intelixente, traballador e extravertido, acaíalle ben a todo o mundo dende o primeiro momento. Ademais daqueles tempos na Escola Naval, coincidimos máis tarde facendo o curso preceptivo de especialidade na antiga ETEA (Vigo), durante un ano enteiro. Logo a vida encargouse de espallarnos a cada un polos distintos destinos da Armada. El desenrolou toda a súa actividade profesional en Cartagena con importantes cometidos tanto a flote como en terra nos que cumpriu sempre como os mellores, deixando amigos alí por onde pasou.
Xa na reserva, viaxaba a Ferrol de cando en vez co gallo de visitar e compartir mesa e mantel cos seus compañeiros de promoción. Eu tiven o honor de ser un deles.
Mercou asemade un apartamento na Manga do Mar Menor onde moito desfrutaba con familia e amigos. Home xeneroso, ofreceumo moitas veces para ir pasar uns días. Ali sorprendeuno o final, seica acompañado dos seus fillos e netos.
Xa van sendo moitos, daqueles setenta e catro ilusionados rapaces que saímos da Escola Naval no ano 1962, os que nos deixaron. Lei de vida. Desta volta tocoulle a el.
Adeus querido compañeiro e amigo aí vai, a ese ceo dos homes xustos onde seguro que xa te encontras por méritos propios, esta mensaxe dos que fomos, durante tantos anos, teus amigos e compañeiros: “Nunca te esqueceremos” Dende Ferrol onde resido reciba a súa familia meu máis sentido pésame.

Manolo Isach

Te puede interesar