Alguén dixo que o común dos ídolos non é máis que o feito de ser seres mortos, momificados e disecados. Cada vez sinto maior admiración pola vellez e a dignidade coa que moitos homes e mulleres galegos se enfrontaron ante a vida desde o desprezo dun Estado que os nega como colectivo. Cada vez valoro máis os actos cotiás nos que estas persoas asumen que a súa paisaxe, a súa lingua e o seu pasado fan deles o que son. Cada vez lamento máis a miña torpeza ante comportamentos naturais que non fun capaz de valorar. Cada vez sinto maior desprezo cara aqueles mortos en vida aos que un pobo lles entrega a súa voz que empregan para traizoarse a si mesmos na procura da xuventude política eterna que algún Mefisto lles promete. E como fronte a estas falsas deidades existe unha realidade insubmisa que quere vivir sen que o Estado lle impoña cotas lácteas ou pesqueiras, vetos ao Naval explícitos ou implícitos, linguas dominantes ou uniformadoras, seguiremos filosofando a martelazos.