Na casa de meus avós, como en tantas outras casas de aldea, confésoo, tamén houbo vacas. Tiro de memoria, e aínda sen o saber con certeza, é posíbel que a última vaca que habitase aquela corte a puidese ter deixado co inicio da década de oitenta. E eran bonitas aquelas vacas marelas. Sobre todo en sendo puchas, pois non me han de negar que cando as miran non lles sobrevén un aquel de tenrura. Se até a mesma palabra, tenreira, nolo está a demandar. Tenreira, pucha, cuxa, xata, becerra, xovenca, vitela e algunhas formas máis existen aínda para designarmos tan lindo animal. A marela, e para moitos máis coma min, é a vaca do país por antonomasia. Raza autóctona que tanto vale para o traballo como vale para o leite e para a carne. Para o do traballo, recoñezámolo, foi ficando el para alá atrás, sendo ocupado o seu lugar polos tractores.
Con nomes como Careta, Moura, Marela, Roxa, Branca, Linda, etc., santoral vacún cun seu aquel agarimoso, foron tamén bautizadas reses doutras razas, unha vez a produción láctea a que se orientou grande parte do vacún, deu lugar á aparición das vacas frisoa ou suíza, liberadas do seu traballo de tracción nos últimos tempos, e até cruzamentos para obter animais máis produtores. Os tamaños, cores e morfoloxías fóronse hibridando ou, simplemente, trocando vacas dunha raza por outra, de modo que as marelas se viron unha miga desprazadas e até relegadas polas foráneas. Até que hoxe, e por culpa da usura nos prezos do leite, temos infelizmente chegado a estoutro infausto tempo de vacas fracas.
Na actualidade, porén, as marelas si se teñen orientado a un sector máis claramente cárnico do que lácteo, dada a difícil competencia coas razas máis leiteiras. Así mesmo, outras especies autóctonas como a limiá, a cachena, a caldelá, a vianesa ou a frieiresa comezan a ser introducidas no noso agro e mercado, de modo que a recuperación e a valorización ao se teren publicitado nos últimos anos representa unha realidade entre nós. Con todo, cifrar o número de reses que hai hoxe en día en Galiza, sospeitamos non ha de ser a de Un millón de vacas de que nos tiña falado M. Rivas. Mais tampouco se tratará da mísera realidade que ao coitado do Balbino, o das Memorias dun neno labrego, lle tocou vivir naquela Galiza de autoconsumo e case bipolarizada sociedade de amos e servos. Nin sequera a que R. Aneiros nos deixou narrado no seu relato “Corre Roque, corre”, con aquela triste vaca chamada Mai, fraca e esfameada que o protagonista ten que levar ao lindeiro da Repunta de Meirás.
Galiza ten mudado exponencialmente nos últimos cincuenta anos. O abandono paulatino do medio rural polo urbano, ben a cidades ben a vilas costeiras, entendíase como unha melloría para o campesiñado, convertido en asalariado de diferentes empresas, pequeno comerciante ou, no seu defecto, traballador por conta propia. A atracción cara aos polos industriais de Vigo, A Coruña, Ferrol, etc. supuxo a absorción de moita man de obra de extracción rural a partir da década de setenta. A inversión das cifras campo/cidade comezou a ser unha realidade desde entón. Así hoxe en día, e a pesar das cíclicas crises económicas sempre á espreita, o mundo rural e canto ten a ver co sector laboral que nel se emprega, pasou na actualidade a supor un 7% do total da poboación activa, aspecto que nos vén igualar a moitos dos países da nosa contorna.
Nun sentido moi xenérico, calquera dos indicadores socioeconómicos que puidésemos tomar relativos ao Estado español, falan dunha harmonización con respecto aos restantes países da UE e veciños, así como a moitos da OCDE. Cun grao medio de industrialización, medio baixo para o caso de Galiza, o amplísimo sector terciario, o elevado envellecemento poboacional e o crecemento vexetativo cero, os niveis óptimos de benestar, as taxas de desemprego bastante altas, etc., son factores que indican sermos pertencentes a un país con características análogas a eles. A tendencia en todos é a que o sector primario, o ligado principalmente á agricultura, vaia sendo a cada pouco máis pequeno.
Mais a distancia que media entre ser pequeno a non ser nada antóllase un abismo. A fixación da poboación no rural deixará de existir como tal, pois prácticas usurarias como as que o sector leiteiro galego leva sufrindo desde que se entrou na UE (que hixienizou, racionalizou e modernizou a súa cabana e explotacións), son insoportábeis. Así pois, a saudade con que podo observar aquela vaca marela de meus avós, capaz de abrir a porta da corte co fociño ou a de ir montado no carro sendo neno para ir apañar as patacas, non me impiden ver a tremenda inxustiza que se está a cometer actualmente contra o noso campesiñado e, en suma, contra o noso rural. O campesiño galego, como alumno aplicado, realizou todos os deberes mandados, só falta agora que, ao igual que tantos triunfadores que na emigración souberon facer fortuna, houbese emprendedores capitalistas e de amplas miras políticas que quixesen tirar do pozo ao rural.