Máis unha vez, o BNG ateigou cos seus simpatizantes a praza da Quintana en Compostela, e a consigna de “Galiza Ceibe, Poder Popular” coreouse con teimosía e forza, como aconteceu nas últimas catro décadas. Hai quen valora este éxito como produto da capacidade de resistencia do nacionalismo anticolonial, polo que sería cuestión de tempo que fose perdendo esta eficacia na convocatoria.
Porén, hai máis aspectos que se deben considerar. Comezando por recoñecer que a actividade política non se reduce exclusivamente ao electoral. A mobilización e a loita das ideas, ou sexa o debate político, son ámbitos cando menos tan importantes como o institucional.
Para transformar a situación hai que combinar todas estas actividades, e crear unha organización política forte, ligada aos movementos de base de todo tipo, comezando polo laboral, xa que ten un papel central no modelo de sociedade. Agora ben, cando se trata de partidos que procuran a liberación nacional e social, a mobilización ten un papel chave xa que permite divulgar as contradicións, demostrar que o cambio é posíbel, aumentar o número de cadros e socializar obxectivos e folla de ruta. Polo tanto, o éxito da manifestación do BNG, e o carácter moi minoritario dos actos realizados por outras alternativas que teñen peso electoral, non é algo anecdótico. Xa que para cambiar a correlación de forzas para realizar cambios profundos, cómpre a participación dun gran número de activistas. Só os partidos sistémicos, electoralistas, poden obviar a militancia. A conquista do ceo non se fai exclusivamente con votos.
Recuar electoralmente neste contexto é un atranco importante. Porén, é igual de preocupante carecer dunha organización consolidada e unha militancia numerosa.
Por iso non é doado de entender, que haxa forzas que se dividen e rexuntan todos os días, que hoxe teñen un programa e pouco despois outro, que se presenten como alternativas triunfadoras fronte a quen, como o BNG, ten un proxecto definido e unha base ampla e activa. Son discursos que só se poden entender desde o marketing electoralista. Porén, serán quen de realizar cambios de clase e a prol da soberanía?