As desigualdades

|

Todos os seres humanos somos diferentes. Xa ao pouco de aparecer neste mundo unha nova criatura comezan os achegados á  familia a sinalar rasgos e semellanzas do recente nacido cos pais, cos irmáns. Pero tamén existen diferencias que nos distinguen de todos os demais, porque ser diferente é unha característica imprescindible para poder considerarse persoa humana. 
Cada persoa é singular, única e irrepetible. Máis non son estas as diferencias ás que me quero referir neste comentario, senón máis ben ás desigualdades que xurden entre persoas na convivencia, nas relacións sociais e, sobre de todo, nas laborais e comerciais. Nestas é onde se encontra a  ocasión propicia para cometer os abusos de poder, de dominio e de inxustiza. Porque así funciona na maioría dos casos o poder con frecuencia absoluto, tanto económico coma político. Os resultados están á vista agora cando a ola do conservadorismo máis rancio nos domina e nos goberna absolutamente. A sociedade na que vivimos é un retrato. Dende o ano dous mil cinco, unha terceira parte das persoas maiores de 65 anos víñanse encontrando ao rente da pobreza e da exclusión. Dez anos despois fora subindo ata o 50%. E na época da crise grazas a estes escasos ingresos fixos encontrouse, na maioría dos casos, o salvavidas de moitas familias. 
Pero foron os nenos lamentablemente os máis prexudicados. Foi cando o risco de pobreza entre o 2005 e o 2015 pasou do 29% ao 34%. Pero son os nenos na maioría dos casos o principal indicio de exclusión para un fogar. 
Nos tres tipos de fogar que máis se gasta por persoa en España van gradualmente, 1º) onde vive unha persoa soa menor de 65 anos, 2º) onde vive unha parella sen fillos, 3º) onde vive unha persoa soa maior de 65 anos. Pero cando, –oficialmente– rematou a crise tampouco se reduciu o risco de exclusión porque os escasos postos de traballo que se viñeron creando son raquíticos e mal pagados, polo que a inseguridade impide vivir con certa tranquilidade ás familias. 
Certo que existe creación de emprego pero cada vez é en peores condicións, tanto económicas coma humanas. E engadido ao apuntado o gran problema dos postos de traballo non está tanto no salario coma na temporalidade. Algunhas persoas traballan uns días, unhas horas... para figurar nas estatíticas do Goberno... 
En 2014 había 6 millóns de persoas que aínda traballando obtiveron unha renda anual inferior ao salario mínimo porque o que gañan está por debaixo do salario mínimo traballando menos de dez meses no ano e a media xornada.

As desigualdades