PLUS SALARIAL POR ANOS DE VIDA

Cando retornei da Arxentina, a finais de 1972, chamoume a atención que no Estado español existise un plus salarial polos traballos penosos, perigosos e insalubres. Non era así naquel país. Malia os anos de ditadura militar e o retroceso social e laboral dende o golpe de estado contra Perón, aínda estaban vixentes dereitos que se instituíran durante o seu goberno. Un modelo baseado na terceira vía: un pacto entre o capital e o traballo. Os aspectos sociais eran copia dos vixentes na URSS,   razón pola que contaron co apoio dunha boa parte do sindicalismo. As teses do peronismo eran potenciar unha burguesía nacional e o consumo interno, para gañar en soberanía, xa que a economía do país estaba subordinada aos británicos.
Na Arxentina, aqueles obreiros/as con traballos penosos, perigosos ou insalubres, tiñan unha xornada moito máis curta, ou realizaban descansos obrigatorios. Pretendíase que unha xornada menor compensase as dificultades propias da dureza actividade. Outro tanto acontecía coas persoas que levaban máis anos traballando nas empresas; non se lles retribuía cun plus salarial, senón que tiñan máis días de vacacións, para compensar os problemas físicos propios da idade.0
Non sei se na actual República Federal seguen vixentes aqueles criterios, dado o recuar de dereitos laborais no mundo por mor das políticas de globalización neoliberal sustentadas nunha correlación de forzas negativa para as clases populares. Mais, non hai dúbida que aqueles eran os correctos. 
A dependencia laboral implica, durante a xornada, obrigas que o afectado/a non sempre está en condicións de  realizar (e se opoñer), polo que a redución do tempo de traballo aumenta as garantías do operario/a. Que se prime na negociación colectiva o ingreso económico sobre as condicións de traballo é consecuencia dos baixos salarios, que fan que 2/3 das familias galegas vivan con dificultades. Porén, non é unha solución axeitada nas actividades penosas, perigosas e insalubres.  
Aceptar estas condicións laborais negativas vainas pagar unha fracción moi grande da clase operaria con problemas extra de saúde e perda de anos de vida, que non hai cartos que os compensen. 

PLUS SALARIAL POR ANOS DE VIDA

Te puede interesar