Feliz ano 2021

Vaia por diante que non é hoxe o mellor dos meus días polo que prego desculpas anticipadas. Cústame moito traballo falar deste xeito pero non podo escribir o que non sinto. As novas acotío non axudan, cada día a cousa vai a peor sen que se lle vexa o final á grave situación que estamos a vivir. Temos posta a nosa esperanza na vacina recen descuberta. A pesares do optimismo xeneralizado nos medios de comunicación eu teño as miñas dúbidas no que se refire a súa efectividade a corto prazo, non creo que sexa o bálsamo de Fierabrás. O que si está claro é que con vacina ou sin ela haberá que seguir durante moito tempo coas restricións impostas polas autoridades.

Agora resulta que as Torres de Meirás están en ruínas. Que se fixo entón cos cartos dedicados polos gobernos ao seu mantemento durante tanto tempo?. Que está a pasar aquí despois de tantos anos de okupación, así con k para que se entenda ben. Que pasa coa casa de Cornide na Coruña? Quen ten a propiedade da chamada Casa das Conchas?. A sombra de Franco, un home endeusado, casado para máis inri con unha muller autoritaria e ambiciosa de cuxas rapinas falouse sempre sotto voce, é alargada. Ata cando teremos que sufrir a súa influencia?.

Do emérito, canto menos se fale mellor. O que está ben claro é que non era ouro todo o que relucía. So lle vexo unha atenuante da que xa falei aquí noutra ocasión. El non é o único culpable de todo o que se lle apón agora. Os seus feitos eran sobradamente coñecidos e os que tiñan que saír ao paso calaban como petos. Sería por unha lealdade mal entendida ou por propio interese pero o que cala outorga, que o di o refrán castelán. En calquera caso, o que as fixo que as pague.

Abonda por hoxe, que estamos en tempos de felicitacións e bos desexos, anque non é doada moita felicidade nestes tempos de apocalipse que estamos a vivir. Aínda así, non queda outro remedio que tirar para adiante coa esperanza de tempos mellores. Sería bo que das mensaxes que, dalgún xeito, nos presenta a pandemia, saquemos proveito para un novo xeito de vida a nivel mundial que boa falta nos fai.

Prego para que o 2021 sexa o comenzo do cambio.

Feliz ano 2021

Te puede interesar