Planeta malferido

|

formalmente, no discurso público, a Organización das Nacións Unidas proclama ser consciente de que o obxectivo da protección e mellora do medio humano é unha cuestión fundamental que afecta ao benestar das persoas e dos pobos porén, tamén, ao desenrolo económico do mundo enteiro e por iso acordouse facer do 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente; celebración que serve para reflexión, para chamar a atención das autoridades políticas e para ampliar as bases dunha opinión pública ben informada e da necesidade de acadar unha conduta nas xentes, nas empresas e no ámbitos colectivos petando na porta da responsabilidade de todos eles á hora de asegurar a conservación e a mellora do medio natural. Tralo manifesto solemne vai parello un lema publicitario que é mensaxe de necesidade e clamor para concienciar ao público; palabra de orden que para o caso deste ano pide estar “unidos por un planeta sen contaminación do aire”.
O paradoxo das contradicións diplomáticas deste organismo internacional fixeron que o país anfitrión fose China, territorio que non é modelo de cidades limpas de contaminación, abofé que non. Daquela, as palabras do Secretario de Xeral da ONU semellan prédica no deserto, por máis que considere é “hora de actuar con contundencia”, lanzando unha chamada aos gobernos para “gravar a contaminación, deixar de subvencionar os combustíbeis fósiles e non construír máis novas centrais de carbón” porque necesitamos unha economía verde, non gris.
Aquí, no ámbito galego, ADEGA, a Asociación para Defensa Ecolóxica de Galiza, lémbranos que “nas nosas cidades e tamén no rural, a contaminación do aire mata en silencio” aclarando que “a atmosfera e, en concreto, a troposfera ou capa máis próxima á terra é o ambiente que ten maior interese para nós, desde o punto de vista da contaminación, xa que respiramos entre dez e quince mil litros de aire ao día. Os datos derivados das estacións de medicións nas cidades ou en áreas próximas ás grandes industrias indican que a maioría da poboación galega respirou en 2018 aire contaminado por partículas finas, superando os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde”. Partículas que penetran fondo nos pulmóns, con risco de enfermidades cardiovasculares e respiratorias, así como cancro de pulmón. Situación coñecida de sobra pola autoridade que mira de esguello, aínda sabendo que é causa de tres mil mortes prematuras.
Contaminación do aire, perda da biodiversidade, emerxencia climática. Planeta malferido.

Planeta malferido