SOS alerta... a lenta destrución do noso patrimonio

As pedras non son unicamente pedras. Non. A súa dureza fálanos de memoria, de vidas, de emocións atrapadas na súa textura, modeladas co paso do tempo. As pedras son compañeiras esenciais na construción dos nosos fogares. Quen non acompañou coa súa man o agarimo da auga nas pedras?
Emerxen en toda Galicia, porque, quizais, somos almas atrapadas na pedra. Como non abrir os ollos con abraio agarimoso ao percibir as ruínas das Torres de Altamira? Como non exclamar ante as sempre enigmáticas construcións castrexas de Baroña?
As pedras son a testemuña que, entre silencios e temores, asisten ao desleixo da administración pública. Elas, aínda así, érguense como referente do noso patrimonio histórico e cultural, en perfecta simbiose coa nosa paisaxe, coa nosa natureza.
E no entanto, nestes anos asistimos a un lento, progresivo e constante proceso de deterioro das nosas pedras.
Como non aldraxarse tal como fai a veciñanza de Monterrei cando coñece que as autoridades culturais queren rehabilitar o seu Castelo para destinalo a hotel, danando o espazo monumental medieval, e entregándoo ao lucro privado?
Como non indignarse coa acción de destrución levada a cabo polas nosas autoridades ante o achado na parroquia lucense de Coeses dunha necrópole, un castro e un túmulo de 3.000 anos de antigüidade no trazado previsto para a A-54 entre Lugo e Santiago.
O goberno da Xunta de Galicia, lonxe de protexer os intereses da cidadanía galega, actúa en beneficio das grandes empresas e permite que o noso pasado, pendente de estudar, sexa destruído para sempre.
Os perpetradores quixeron ignorar as normas do coñecemento histórico e da microtoponimia, e permitiron que as obras do trazado da autovía A-54 pasase por elementos construtivos patrimoniais de importancia capital para a coñecemento do noso pasado.
Outros exemplos veñen dados pola construción da variante de Portosin, precisamente, preto do Castro de Baroña, cuxo trazado ameaza con arrasar con xacementos que a toponimia e a historia sinalan como memoria silenciada que respira debaixo da terra.
O mesmo acontece en Castrelo, no concello de Burela, onde, no ano 2004, se atopou un sitio arqueolóxico cando se realizaban as obras vencellas á nova estrada de acceso ao porto da localidade de Burela.
Despois de nove anos, non é de recibo comprobar como todo o que se descubriu esmorece, como se degrada pola propia natureza e como, ante as medidas de desprotección, cae ante a acción do expolio. Esta situación foi denunciada por diversos colectivos (Colectivo Cultural Buril; Asociación Cultura do País; ADEGA e Mariñapatrimonio) ante o Servizo de Patrimonio da Xunta e no propio Parlamento de Galicia por AGE.
Outra circunstancia: dous castros (Subidá, Pidreira), o petroglifo laberíntico de Mogor e outras pegadas arqueolóxicas do noso pasado (mámoas), presentes no Concello de Marín, quedan desprotexidos debido a que a Xunta de Galicia avalou o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín.
E que dicir do Ferrol Vello, do Ferrol da Ilustración. En datas recentes produciuse un feito que emblematiza a actitude de indiferenza, de desleixo das nosas autoridades culturais ante o noso patrimonio cultural. A inicios de marzo caía unha parede medianeira da casa de Carvalho calero. Unha caída que responde ao mal que corroe o barrio de Ferrol Vello, o espazo primixenio da cidade, en clara situación de perda da identidade que a definiu durante séculos.
As pedras, en efecto, non son só pedras. Erosionadas por anos de abandono, confésannos o desinterese do  Partido Popular no Concello para aprobar o plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello.
Un sinxelo paseo permite contemplar a paisaxe de laio das pedras en ruínas, dende a praza de Ferrol Vello ate a rúa Curuxeiras.  
A Xunta de Galicia declarou o barrio de Ferrol Vello como ben de interese cultural, o que debera garantir unha protección integral que vencella a todas as administración públicas. Logo de 3 anos nada se fixo e o barrio segue degradándose, segue esmorecendo.  
Si. Como recollíamos no inicio, as pedras en Galicia, en Ferrol, son depositarias da nosa identidade e veñen a dicirnos todo o que falta por facer en política patrimonial cultural, para preservar as pegadas que nos definen como pobo.
SOS alerta... Paremos a destrución do noso patrimonio.

SOS alerta... a lenta destrución do noso patrimonio

Te puede interesar