Poucas cidades como Ferrol teñen sufrido tanta discriminación en nome dunha suposta solidariedade. Por solidariedade temos que pagar unha taxa de saneamento para construír unha infraestrutura que debe financiar o Estado desde 1997, e que no resto de cidades de España, pagou España. Por solidariedade desmantélase desde hai 30 anos o noso principal medio de vida. Por solidariedade o Estado non paga nada por ocupar máis do 20% dos terreos da cidade. Por solidariedade é máis barato ir en tren a Madrid que a Lugo e por “solidariedade” debemos calar en nome do ben común.
Non sei cal será o noso próximo acto de “solidariedade”, pero con gobernos municipais que ocultan todo isto, pensades que vai vir alguén de fóra a resolver os nosos problemas? Alguén pode pensar que podemos continuar con gobernos municipais en silencio e presos das decisións que toman en Madrid?